ENTREVISTAMOS GONZALO CABALLERO

"Temos que facer autocrítica sobre o feito desde 2009"

"Temos que facer autocrítica sobre o feito desde 2009"
Gonzalo Caballero [FOTO: Laura R. Cuba]
Gonzalo Caballero [FOTO: Laura R. Cuba]  

O discurso de Gonzalo Caballero está lonxe de ser autocompracente. A súa palabra de orde, rexenerar o PSdeG para liderar unha alternativa de progreso ao PP. Consciente da fortaleza eleitoral e social da escadra dirixida por Feijóo, o flamante secretario xeral do PSdeG propón autocrítica e mudanzas. E, sen levantar a voz, implicitamente rexeita que o PSdeG vaia viver, con el e con Leiceaga, unha sorte de bicefalia. Eis un extracto da conversa publicada no Sermos Galiza 275.


4O PP de Feijóo conseguiu nas últimas eleccións galegas unha percentaxe de voto verdadeiramente espectacular, sen moito parangón na Europa occidental. Tes analisado a esta altura que é o que sustenta unha percentaxe de voto tan alta para o PP?

 

Eu o que creo é que Galiza non vai ben cos gobernos de Feijóo. Perde peso económico e demográfico no conxunto do estado. A nosa populación faise cada vez maís maior, o meio rural ten dificuldades ás que a direita non é quen de lle dar unha solución. Feijóo deixou Galiza cun tecido industrial moito máis feble. Aplicáronse recortes nos capítulos sociais moi importantes. E, portanto, temos unha situación como país cada vez menos dinámica e con menos posibilidades de futuro. Polo tanto, Galiza vai pior cos gobernos da direita, mais somos conscientes de que o PP conseguiu, desde o ano 2009, reeditar maiorías absolutas consecutivas e, sendo así, temos que conseguir rexenerar a alternativa de esquerdas do país e nós, desde logo, temos que rexenerar o PSdeG para construír unha maioría social de progreso que poda implicar un cambio político nas próximas convocatorias autonómicas. Nesa liña, temos que facer unha análise autocrítica do que se ten feito desde que en 2009 non se reeditou o goberno de Touriño. E nesa perspectiva está claro que o PSdeG, coas primarias e o congreso, está tentando dar un impulso que nos permita afrontar unha nova etapa similar á que desenvolveu o PSdeG a partir do ano 1998 e até o ano 2005, cando se conseguiu o goberno de esquerdas en Galiza.

 

A non comparecencia no Parlamento galego dalgúns presidentes de deputacións socialistas [a de Lugo e Pontevedra, o da Coruña si compareceu] foi apresentada por ti propio como un indicio de que algo vai comezar a se mover no tipo de oposición do PSdeG a Feijóo.

 

A cuestión das comparecencias ten unha relevencia limitada. O PP tenta utilizar a cámara parlamentar para aplicar un rodillo. Esas comparencias son voluntarias e, demais, son para falar de algo, as cuestións orzamentais, sobre o que xa se ten debatido nas propias deputacións. Todo iso é público e transparente. Polo tanto, o PP pretende marcar na folla da atención mediática aqueles temas que lle interesan nun momento en que o Parlamento galego non estaba a responder adecuadamente á análise da situación política derivada da crise dos incendios. Non debemos caer no erro de que o PP marque a folla informativa do país e temos que conseguir pór o foco nos debates que si interesan á sociedade galega, por exemplo no que ten a ver coa situación dunha Galiza sen capacidade de acción contra a terríbel ameaza dos incendios. A partir daí, temos que facer unha oposición contundente no Parlamento e acompañala tamén dunha maior estensión da nosa acción política no conxunto da sociedade civil. O traballo no Parlamento é importante, mais non é suficiente para alterar o control político que ten o Partido Popular no conxunto do país. Necesitamos, por tanto, recuperar o contacto directo coa sociedade civil e con todo o activismo social, para impulsar unha dinámica de cambio.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 275, á venda na loxa e nos quiosques habituais]



x