40 anos das primeiras eleccións após morrer Franco, aquela Galiza

40 anos das primeiras eleccións após morrer Franco, aquela Galiza
Imaxe: Mundiario
Imaxe: Mundiario  

A dereita logrou no país 67% dos votos e apañou 24 dos 27 deputados que se elixían aquel 15 de xuño de 1977. As formacións nacionalistas sumaron por volta 4,5% dos votos. A abstención abeirou 40% (no Estado, 21%). Un acto na Coruña, organizado polo Foro Cívico, lembra aquela xornada con algúns dos seus protagonistas.


Esta quinta feira fanse 40 anos das primeiras eleccións no Estado español trala morte de Franco. Uns comicios que van ser lembrados hoxe, 15 de xuño, nun acto no salón da Once, Cantón Grande, da Coruña, organizado polo Foro Cívico e que comezará ás 19:30. Nel tomarán parte algúns dos protagonistas daqueles días, como Meilán Gil, que encabezaba a candidatura da UCD; Carlos Etcheverría (lista do partido Socialista Popular), Elvira Souto (Bloque Nacional-Popular galego, BNPG) e Fernando García Agudín. Federación Democracia Cristiana-Democracia Galega. O acto será presentado por Manuel Monge, que naqueles comicios de 1977 lideraba a candidatura Agrupación Electoral de Traballadores (ORT).

 

Naquelas eleccións concorreron máis candidaturas. Como a de Alianza Popular, encabezada por María Victoria Fernández-España y Fernández Latorre; PSOE (Francisco Vázquez); PSG (Xosé Manuel Beiras); PCE (Rafael Pillado) e Fronte pola Unidade dos Traballadores (LCR, etc), con Ignacio Fernández Toxo liderando a lista.

 

O Foro Cívico lembra que naquelas eleccións “non houbo igualdade para todos; a legalización de todos os partidos políticos era unha esixencia asumida por toda a oposición, pero algúns non puideron presentarse a estas primeiras eleccións coas súas siglas”. Se ben PCE fora legalizado, non así UPG, por exemplo.

 

A participación no Estado español abeirou 80%, situándose finalmente en 78,9 por cento. Unha porcentaxe moi superior á rexistrada en Galiza, onde foi de 60,7%, polo que a abstención estivo no 40%, 19 puntos por riba da rexistrada no conxunto do Estado español.

 

Aquel 15 de xuño de 1977 os galegos elixían nas urnas un total 27 escanos, catro máis que os que elixiron nas xerais de xuño de 2016, onde polas circusncripcións galegas votáronse 23 deputados. Unha diminución en representación que exemplifica a importante perda de poboación en Galiza a respecto da evolución do conxunto do Estado.

 

Daqueles 27 deputados, a Unión de Centro Democrático (UCD) de Adolfo Suárez papara a maioría, 20. Obtivo un máis que contundente apoio nas urnas (53,7% dos votos). A segunda forza en votos foi o PSOE, con 15,5 por cento dos sufraxios e 3 escanos. A Alianza Popular (AP) de Manuel Fraga tivo menos votos, 13%, mais atinxira un escano máis que os socialistas (4), situándose como segunda forza en Galiza.

 

Entre estas tres formacións repartíronse os 27 escanos. Nunha imaxe que deixa unha abafante presenza da dereita (da máis extrema ao centro-dereita), que obtivo 24 dos 27 deputados. Os socialistas, 3. E o resto de forzas que concorreron aos comicios, con porcentaxes por baixo de 5 por cento.

 

A cuarta forzas en votos en Galiza naquela cita de xuño de 1977 foi o Partido Socialista Popular (PSP) de Tierno Galván, con 53.000 papeletas, 4,7% dos apoios nas urnas. O PCE logrou 3% e o PSG que lideraba Beiras, 2,4 por cento. BNPG e Democracia Galega obtiveron por volta de 2% cada unha. Naqueles primeiras eleccións xerais, o voto nacionalista (PSG e BNPG) apenas chegaba cinco por cento. 



x