Abel Caballero só logra o apoio do empresariado a uns orzamentos municipais continuistas

Abel Caballero só logra o apoio do empresariado a uns orzamentos municipais continuistas
Abel Caballero presentando publicamente os oezamentos para 2018 [Foto: Vigo.org]
Abel Caballero presentando publicamente os oezamentos para 2018 [Foto: Vigo.org]  Foto: concello de Vigo

Sindicatos, movemento veciñal e oposición rexeitan unhas contas públicas que volven concentrar o investimento en proxectos polémicos como a instalación dunhas escaleiras mecánicas no bulevar da Gran Vía.

 


A cidade de Vigo atinxirá o seu maior orzamento municipal en 2018. A proposta de orzamentos aprobada polo Goberno municipal que preside o socialista Abel Caballero, totaliza 256 millóns de euros. Récord tamén na cifra de investimentos, 34 millóns, malia que unha parte significativa provén de fondos europeos e de actuacións consignadas que xa foron orzamentadas en exercicios anteriores pero ficaron sen executar. De feito, os últimos datos de execución orzamentaria recollen que o Concello de Vigo só tería executado o 25% dos investimentos que estaban comprometidos para este 2017. O discurso triunfalista de Caballero que reivindicou que estes orzamentos fan parte dunha política “revolucionaria” que non ten equivalente “en toda Europa” (sic), chocou co rexeitamento do tecido social da cidade e dos grupos da oposición.

 

No Consello Social da Cidade, máximo organismo consultivo da nivel municipal, unicamente as organizacións empresariais expresaron o seu aval aos orzamentos do próximo ano. Desde a Confederación de Empresarios de Pontevedra cualificaron as contas como un “revulsivo” para toda a área de Vigo polo grande esforzo investidor. A Cámara de Comercio celebrou a “disciplina orzamentaria”.

 

Crítica sindical e veciñal

Pola contra, a CIG –primeira forza sindical na cidade-- expresou as súas críticas poñendo de relevo a falla de investimento dotacional para reforzar os servizos públicos. No concreto, a central nacionalista puxo o foco no feito de que mentres se destinarán 4,8 millóns a proxectos “de dubidosa necesidade social e urxencia”, como a instalación de escaleiras mecánicas na Gran Vía, as contas elaboradas por Caballero non se recolla “nin un só euro” para a posta en marcha de novas escolas municipais. Neste sentido, a CIG lembroulle ao rexedor a existencia dun importante déficit de prazas públicas nas escolas infantís de cero a tres anos, tal e como recoñece o propio Consello Escolar Municipal. Desde o Goberno local, o edil de facenda e orzamentos, Jaime Aneiros, rexeitou a posibilidade de construír novas escolas escusándose en se tratar dunha competencia “autonómica”. Vigo conta  na actualidade cunha rede de oito escolas infantís de titularidade municipal, a última delas púxose en marcha en 2015 no barrio de Navia, pero dous de cada tres solicitudes de praza fican sen ela.


 

As críticas sindicais fan albo tamén nas políticas sociais e de emprego do Concello de Vigo, demandando que se redimensionen as políticas municipais diante da situación de emerxencia “social, laboral e produtiva que padece a cidade”. A CIG alertou de que os datos da última Enquisa de Poboación Activa, do terceiro trimestre deste ano, recolle que hai dez mil persoas menos traballando que en 2009.  “O Concello de Vigo, debe intervir poñendo todas as capacidades e recursos dos que dispoña para evitar que esta situación se cronifique e se torne irreversíbel. Vigo ou é industrial, ou é motor laboral e produtivo, ou non será”, defenden. En materia de políticas sociais volveron demandar o aumento das axudas públicas, “tanto para alargar as súa cobertura en número de persoas beneficiarias como para aumentar as contías”. Aliás, reivindicaron tamén a posta en marcha de políticas que faciliten o acceso social á vivenda e que dean alternativas ás persoas que dormen na rúa “ou que fan uso de albergues precarios ou moi mellorábeis”, así como a creación dun bono social que faga gratuíto o autobús para as persoas sen ingresos.

 

UGT, malia expresar coincidencia coas liñas xerais do orzamento demandou tamén un maior esforzo en emprego e política social.

 

Pola súa banda, a Federación de Asociacións Veciñais de Vigo “Eduardo Chao” (FAVEC) tamén amosou o seu descontento cos orzamentos, criticando con dureza a falla de “transparencia e participación” na súa elaboración. O Goberno local convocou o Consello Social da Cidade con apenas 48 horas de antelación e ás entidades e organizacións que o integran só lles remitiu unha breve memoria técnica, na que non se detallaba a distribución de gastos por partidas.


 

Reverter a crecente privatización


No que atinxe ao persoal municipal os sindicatos volveron poñer de manifesto a necesidade de executar as ofertas públicas de emprego (OPE) pendentes desde hai varios exercicios, e apostar no aumento da contratación de persoal público. “Vemos como malia que o orzamento municipal aumenta ano tras ano e maiores son as demandas de servizos e atención, o cadro de persoal do Concello non só non aumenta senón que segue a retroceder”, sinalou o secretario de Organización da CIG de Vigo, Anxo Igrexas, denunciando a falla de persoal en servizos como Benestar Social ou Vías e Obras.

 

A CIG urxiu a reducir progresivamente o papel das empresas privadas na xestión municipal e exixiu unha maior fiscalización e control das empresas concesionarias por parte do Concello.


Emendas


O PSOE conta cunha cómoda maioría absoluta para aprobar en solitario os orzamentos municipais (17 edís dun total de 27). No entanto, as contas públicas de 2018 terán de enfrontar o proceso de emendas e alegacións. O Partido Popular xa anunciou a presentación de 30 emendas parciais. O grupo municipal da Marea de Vigo formulará unha emenda á totalidade a uns orzamentos que cualificou de “corta e pega” e dos que criticou a súa “nula participación. O BNG de Vigo está a traballar tamén na elaboración de alegacións contra unhas contas que insisten “nun modelo de cidade aparencial”. As emendas nacionalistas volverán incidir no aumento do gasto social e nunha mellor atención das “necesidades reais da veciñanza e dos barrios e as parroquias, que son permanentemente esquecidas por Abel Caballero”.



x