Acto simbólico do BNG na Ponte de Rande a prol da transferencia da AP9

Acto simbólico do BNG na Ponte de Rande a prol da transferencia da AP9
Acto do BNG coa Ponte de Rande ao fondo
Acto do BNG coa Ponte de Rande ao fondo  Foto: BNG

A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, anuncia unha “ofensiva institucional e social” a favor do resgate da AP9 e censura o silencio “do habitualmente locuaz” Feijóo perante o veto interposto polo Goberno estatal á tramitación da proposición de lei do Parlamento galego no Congreso.


Coa Ponte de Rande de fondo, a portavoz nacional do BNG e cargos institucionais da fronte nacionalista realizaron un acto simbólico para visibilizar a demanda da transferencia da AP-9 a Galiza, após o veto interposto polo goberno estatal á tramitación no Congreso da proposición de lei do Parlamento da Galiza.

No acto estiveron presentes a viceportavoz do grupo parlamentar, Olalla Rodil, o deputado Luís Bará, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos; o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez; os portavoces municipais da Coruña, Avia Veira, e Santiago, Rubén Cela, ben como responsábeis municipais dos concellos situados no Eixo Atlántico.

Para Ana Pontón, o veto de Madrid á tramitación dunha proposición de lei aprobada polo conxunto da cámara galega -a iniciativa partiu do grupo parlamentar do BNG- obedece á "irrelevancia política" do noso país no Estado, produto da "submisión de Feijóo a Madrid".

"Non nos teñen ningún tipo de respeito", denunciou Pontón, ao tempo que anunciaba unha "ofensiva institucional e social" porque "a cidadanía deste país ten dereito a acabar cunhas peaxes que son unha estafa e temos dereito tamén a xestionar a AP9 desde Galiza".