Anova ve En Marea nunha situación de "bloqueo" e reparte críticas a Podemos, EU e Somos Quen

Anova ve En Marea nunha situación de "bloqueo" e reparte críticas a Podemos, EU e Somos Quen
Anova
Anova  

No informe de xestión que se debaterá na asemblea deste sábado, a dirección saínte da formación de Beiras arrógase o rol de principal impulsor da confluencia. "Anova foi o único actor político nacional que apostou sen ambigüidades polo proceso das marés", di o relatorio.


No informe de xestión, ao que tivo acceso Europa Press, Anova reivindica para si a condición de forza motriz da confluencia nas eleccións municipais de maio de 2015 e, a respeito das xerais de decembro dese mesmo ano, enfatiza que a converxencia tivo de lidar con "moitas tensións e contradicións que houbo que superar", decorrentes da vontade de Podemos e Esquerda Unida que, segundo a formación liderada por Beiras, "desexaban limitar o alcance da alternativa a un acordo pontual".

Nese sentido, Anova denuncia o que cualifica como "pinza permanente entre Podemos Galicia e Esquerda Unida", alianza que tería impedido unha maior participación no proceso das mareas municipalistas, co que se tería desincentivado "a visión inicial dun proxecto compartido".

En Marea acudiu ás xerais de decembro de 2015 e xuño de 2016 baixo a forma de coligazón de partidos e non de partido instrumental tal e como desexaba Anova.

Nas xerais de xuño a confluencia desceu en votos e cedeu en representantes na Galiza, ao perder un escano no Congreso e outro no Senado. Anova atribúeo á "nefasta" dirección política da campaña e en ton dramático acrescenta: "A confluencia e a unidade popular na Galiza estaban feridas de morte".

Pasa tamén revista o informe ás eleccións galegas de setembro de 2016 e nese sentido desliza críticas a Podemos a quen apón unha política de obstruccionismo do proceso de consolidación do "partido instrumental".

Anova denuncia o que cualifica como "pinza permanente entre Podemos Galicia e Esquerda Unida" no proceso que levou ás municipais de 2015

O relatorio refere tamén os últimos acontecimentos arredor do proceso de consolidación organizativa de En Marea, desde o plenario de 17 de decembro. E nese sentido lamenta que a aposta nunha candidatura unitaria e de consenso non se tivese materializado, o que leva a Anova a criticar o colectivo Somos Quen -dirixido por un parlamentar da organización de Beiras, Davide Rodríguez- por ter decidido "unilateralmente" afastarse da vía consensual e ter promovido unha candidatura propia.

Ao terse apresentado tres listas, e nun "contexto de participación baixo mínimos, derivada do esgotamento da base social de En Marea após un proceso eleitoral e unha confrontación interna continua", as primarias da confluencia resultarían nunha "contundente pero insuficiente vitoria da candidatura Máis Alá", analisa a dirección saínte.

A situación tería derivado "nun bloqueo para o desenvolvimento de En Marea que no momento da celebración desta asemblea aínda non foi superado".

O "bloqueo" ao que se refere Anova é que o máximo órgao de En Marea -o Consello das Mareas- aínda non se voltou a reunir desde o 28 de xaneiro, sendo que ten aínda pendente a designación da Coordenadora Nacional, a dirección executiva da confluencia.

Bloqueada está tamén a cuestión da escolla da portavocía orgánica, con Beiras a defender que sexa para Luís Villares, apesar de os textos aprobados nas primarias excluíren taxativamente para esa función os portavoces do Parlamento galego e do Congreso dos Deputados.



x