O sistema eleitoral que propón Podemos colocaría o PSdeG como segunda forza no Hórreo

O sistema eleitoral que propón Podemos colocaría o PSdeG como segunda forza no Hórreo
Unha sesión plenaria no Pazo do Hórreo
Unha sesión plenaria no Pazo do Hórreo  Foto: Natalia Porca

O partido liderado por Gonzalo Caballero arrebataría un escano ao PP en Ourense. Feijóo mantería unha cómoda maioría absoluta, con 40 escanos. Cs non entraría no Parlamento en nengún caso, ao ficar por debaixo do limiar do 5 por cento do voto.


A aplicación do sistema eleitoral Sainte-Laguë beneficiaría no conxunto do Estado Ciudadanos (obtería 12 deputados máis que en 2016) e Unidos Podemos (6 máis) e prexudicaría notabelmente o PP (15 menos) e só de forma leve o PSOE (1 menos). En troca, a asunción desta norma de atribución de escanos resultaría nunhas eleccións ao Parlamento da Galiza nun curioso cenario: cos mesmos resultados en número de sufraxios que en setembro de 2016, o PSdeG desfaría o empate con En Marea e alzaríase coa segunda posición no Pazo do Hórreo. Sumaría un máis aos seus 14 escanos actuais, en detrimento do PP. A variación produciríase na circunscrición de Ourense. En Marea e o BNG ficarían igual. Na provincia de Pontevedra, a distribución de escanos non mudaría a respeito das últimas galegas, mais o PSdeG ficaría a tan só 600 votos de lle disputar o undécimo escano ao PP.

 

Os resultados das eleccións galegas de setembro de 2016 foron os seguintes: PP, 41 escanos; En Marea, 14; PSdeG, 14; BNG, 6. Con Sainte-Laguë, por tanto, terían sido: PP; 40 escanos; PSdeG, 15; En Marea, 14; BNG,6.

 

O caso galego pon ao descuberto, destarte, que o sistema eleitoral Sainte-Languë non sempre corrixe as desviacións sobre a proporcionalidade que apresenta a Lei D`Hont. E mesmo nalgunha ocasión pode ser até menos representativo da vontade popular. Destarte, En Marea, que superou en voto o PSdeG nas urnas no conxunto do país, ficaría por detrás do partido socialista no Parlamento galego. A razón disto é que con Sainte-Languë, como con D'Hont, un escano en Ourense ou Lugo vale máis do que en Pontevedra ou na Coruña.

 

O caso galego pon ao descuberto, destarte, que o sistema eleitoral Sainte-Languë non sempre corrixe as desviacións sobre a proporcionalidade que apresenta a Lei D`Hont

 

Analistas eleitorais consultados por Sermos afirman que "o que hai que modificar é o tamaño das circunscricións" para garantir a proporcionalidade pura. O problema político é que a provincia é distrito eleitoral por mandato constitucional e neste momento non se dan as condicións -dado o veto do PP- para reformar a Carta Magna. "Ben, entón o que habería que facer é eliminar o mínimo provincial [o número mínimo de escanos por circunscrición]. Actualmente no Estado está en 2 escanos e na Galiza, en 10. Ese mínimo é o que leva a que Soria, con menos populación que Santiago de Compostela, elixa sempre 2 deputados no Congreso español, algo que evidentemente distorsiona a relación entre o número de votos dunha forza política e os escanos que obtén".

 

Nese sentido, a proposta que barallou no seu día José Luis Méndez Romeu (PSdeG) como conselleiro de Presidencia durante o bipartito sería máis proporcional do que a aplicación de Sainte-Languë, aínda que mantiña a Lei D`Hont. Érao porque reducía a 8 o número de escanos por provincia, co que minguaba a prima de sobre-representación das provincias do interior. Nos últimos tempos, o BNG chegou a defender a eliminación dese mínimo provincial.

 

A lei eleitoral galega

 

En todo caso, Galiza ten competencias propias en materia de lexislación eleitoral no que atinxe aos comicios autonómicos. Quer isto dicer que se podería dar perfeitamente o caso de que o Estado asumise o sistema Sainte-Languë -no caso de o pactaren Cs, Unidos Podemos e o PSOE- e que, en troca, Galiza mantivese a Lei D´Hont.

 

Cs non entraría

 

A proposta feita por Podemos non toca o limiar mínimo de percentaxe de votación exixíbel a unha forza política para entrar no Parlamento. Co actual mínimo marcado pola lexislación galega -5 por cento- Cs ficaría fóra do Pazo do Hórreo. Entraría, porén, se ese limiar se eliminase ou se situase no mesmo teito que na lei que rexe para o Estado, 3 por cento, percentaxe que o partido laranxa supera nas circunscricións de Pontevedra (3,89) e A Coruña (3,33).

 



x