Audiencia Nacional revoga a 'ilegalización' de Causa Galiza mais mantén o proceso contra 9 dos seus militantes

Audiencia Nacional revoga a 'ilegalización' de Causa Galiza mais mantén o proceso contra 9 dos seus militantes
Fotos: Natalia Porca
Fotos: Natalia Porca  

Encausados na ‘Operación Jaro’ afirman nunha comparecencia pública que o independentismo “gañou un pulso” ao tribunal español. Anuncian iniciativas e accións a desenvolver nestes meses, entre elas unha denuncia perante a ONU,  para lograr agora que se arquive o proceso contra os 9 independentistas para os que se manteñen as acusacións de “integración en banda armada” e “enaltecemento do terrorismo”.


"É un duro golpe ao entramado terrorista" afirmou Santiago Villanueva, delegado do goberno español en Galiza, en outubro de 2015 a raíz da operación policial que detiña 9 militantes de Causa Galiza e levaría a suspender a organización. Trece meses despois da prohibición das súas actividades, Causa Galiza recupera a condición de organización política legal. A Audiencia Nacional deixa sen efecto a suspensión cautelar da organización independentista, decretada por este mesmo órgano por un período dun ano e con posibilidade de o prorrogar a outro. A decisión de devolver a Causa Galiza a condición de organización política legal adóptase após solicitar a representante legal da organización independentista que “se deixe sen efecto a suspensión cautelar”. Unha petición da cal o Xulgado de Instrución deu coñecemento ao Ministerio Fiscal, que non se opuxo á mesma. Deste xeito, cesa a ilegalización de facto de Causa Galiza, unha demanda partillada por ducias de axentes políticos e sociais que nestes meses solicitaron a fin desa suspensión.

Denunciarán o Reino de España perante a Comisión de detencións arbitrarias da ONU.

“O independentismo gañou un pulso á Audiencia Nacional”, manifestou Joam Peres na comparecencia pública desta terza feira en Compostela dos encausados na ‘Operación Jaro’, que estiveron arroupados por amigos e familiares. Peres, que fixo de voceiro, considera que o feito de que Causa Galiza volva á legalidade “é un pau para o proceso represivo iniciado na Operación Jaro”. Demóstrase, dixo, a mentira “do discurso da Garda Civil e Audiencia Nacional” que situaba CG como brazo político dunha organización armada.

“A militancia logrou dar a volta a ese discurso”, engadiu, lembrando que ao longo destes meses “lanzáronse” desde medios de comunicación e Ministerio de Interior, “unha campaña de criminalización” das persoas detidas e da organización independentista. “Co auto da Audiencia Nacional na man fican desmontados eses discursos”. O retorno á legalidade, aponta, “é froito da solidariedade” e “da denuncia”.  

“O independentismo gañou un pulso á Audiencia Nacional”

Proceso aberto e novas iniciativas

Causa Galiza é, pois, legal e os propios comparecentes anunciaron que van retomar os trámites para que CG figure no rexistro de partidos do Ministerio como ‘partido’. Porén, a AN mantén o proceso aberto contra os nove independentistas militantes de Causa Galiza detidos na 'Operación Jaro' e aos que acusa de enaltecemento do terrorismo e integración en banda armada. Joam Peres destacou o paradoxal de que se manteñan os cargos contra militantes de CG mentres a organización volve ser legal.

Que o proceso continúe aberto contra estas persoas obriga a manter accións e iniciativas até que se arquiven estas causas. Joam Peres anunciou algunhas delas, que van decorrer nos seguintes meses: a presentación dunha denuncia contra o Reino de España perante a comisión de detencións arbitrarias da ONU, o impulso dunha iniciativa popular integrada por persoas de diferentes sectores para exixir que se arquive o proceso; e a convocatoria en abril dunha manifestación nacional con esa mesma demanda. Perto de 80 axentes políticos e sociais denunciaron ao longo destes meses o proceso contra Causa Galiza.

“Co auto da AN na man, fica desmontado o discurso de mentiras e criminalización contra os detidos e contra Causa Galiza que se lanzou durante estes meses”

“Aguantar o tirón”

Para os encausados hai unha “aposta represiva” nun escenario de “crise do modelo de Estado”. O independentismo é un problema para o Estado en Catalunya e en Euskal Herria. En Galiza a aposta é “reducilo a un problema de orde pública para tratalo en chave policial”. Joam Peres considera que ao longo destes meses evidenciouse que “o independentismo foi quen de aguantar o tirón represivo”. Mesmo de volver ao seu favor unha causa que “ficou evidente que foi unha montaxe” perante diversos sectores sociais.

A isto engádese, dixo, que o independentismo é a “única posibilidade de futuro que ten o noso pobo”. Puxo a AP9 e da cota de sardiña como dous exemplos concretos de como Galiza carece de poder de decisión sobre cuestións chaves que teñen a ver no seu día a día e con consecuencias directas sobre miles de persoas. De aí que sexa mester unha ferramenta independentista, anunciando que nos vindeiros meses manteranse contactos e xuntanzas para “organizar un proxecto político imprescindíbel” para Galiza.



x