A auga acende o debate político en Vigo e fractura o PSOE

A auga acende o debate político en Vigo e fractura o PSOE
A situación de seca ameaza o abastecemento de auga
A situación de seca ameaza o abastecemento de auga  

O alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, demandou publicamente a demisión do seu homólogo de Pontecaldelas, Andrés Díaz, como secretario de Organización provincial dos socialistas pola súa oposición ao transvasamento de emerxencia Verdugo-Oitavén, rexeitado polos colectivos ecoloxistas. BNG e Marea de Vigo, contrarios ao transvase, exixen unha remuda na xestión da auga para facela eficiente e sostíbel. O PP desde a Xunta cuestiona a calidade da auga da traída malia que nunca deixou de ser potábel. 


 

A auga é o novo cabalo de batalla na confrontación política en Vigo. Abel Caballero enarbora agora o reclamo duns transvasamento “de emerxencia” entre o río Verdugo e o Oitavén, para asegurar o abastecemento de auga da cidade olívica e dos concellos da súa contorna. Eis a nova bandeira do rexedor na súa permanente batalla contra as pretensas agresións externas contra Vigo. A medida conta co rexeitamento dos colectivos ecoloxistas, dos concellos de Pontecaldelas, Soutomaior e Pontevedra, e coa oposición de Marea de Vigo e máis do Bloque Nacionalista Galego. No entanto, a Xunta de Galiza parece disposta a executar a polémica actuación que, segundo un informe elaborado polo Colectivo ecoloxista A Rente do Chan, non compensaría as perdas e fugas que se producen na rede de distribución de auga. 

 

"A auga de Vigo nunca deixou de ser potábel, sempre o foi ao cento por cento" proclama Caballero.

Para desviar o debate, o Partido Popular, malia cadrar con Caballero no plan dos trasvasamento, iniciou unha ofensiva institucional para poñer en cuestión a calidade e mesmo a potabilidade da auga da traída na cidade de Vigo. Con base nunhas anormalmente elevadas concentracións de ferro e no aspecto turbio que presentaba a auga, tanto o Delegado da Xunta de Galiza en Vigo, Ignacio López-Chaves, como a voceira municipal do PP, Elena Muñoz, levan semanas denunciando a “pésima calidade” da auga. Porén, nin Xunta, nin Concello fixeron públicas as analíticas practicadas nas últimas semanas, nas que a pesar da polémica o Goberno galego --que é o competente nesta materia-- non retirou a cualificación de “potábel”. A maior presenza de ferro pode deberse tanto ao descenso do nivel da presa de Eiras, que chegou a atinxir apenas o 37,12% da súa capacidade, así como ás limitacións da estación potabilizadora do Casal, que desde hai varios anos precisa dun importante investimento para a adecuar e optimizar. Engádese tamén o estado de tramos da canalización, que parece ser a causa da mala calidade rexistrada na auga do Colexio Rías Baixas, en Canido.

 

No último pleno municipal, celebrado esta terza feira, a calidade da auga foi un dos asuntos centrais, producíndose un agre debate entre o goberno do PSOE e os grupos da oposición. “A auga de Vigo nunca deixou de ser potábel, sempre o foi ao cento por cento e quen asegure o contrario está enganando á poboación”, afirmou Caballero en resposta ás críticas de PP e Marea de Vigo.

 

Fractura no PSOE

O abastecemento de auga acabou por abrir unha fenda interna no seo do PSOE provincial. A oposición frontal do alcalde de Pontecaldelas, o socialista Andrés Díaz que cogoberna canda ao BNG, ao proxecto de transvasamento do Verdugo patrocinado por Caballero provocou un choque de trens. O alcalde de Vigo chegou a exixir publicamente a demisión de Díaz como secretario de Organización do PSOE na provincia, cargo ao que chegou após se sumar á candidatura de David Regades –pupilo de Caballero-- á presidencia. “Ou muda de posición ou que presente a renuncia como secretario de Organización do partido na provincia. Non se pode atacar impunemente a Vigo”, declarou Caballero afeándolle a Díaz a súa participación nas mobilizacións veciñais contra o transvasamento en Pontecaldelas e Soutomaior.

Díaz non dobrou e pediu ao rexedor vigués “reflexión e prudencia”, cualificando de “absurda” a petición de demisión. Aliás, o alcalde de Pontecaldelas criticou que o vigués, en tanto que presidente da Federación Española de Municipios e Provincias “defenda unhas obras pasando literalmente por acima da opinión e das competencias doutros dous concellos”. “Desgraciadamente para Abel (sic), Vigo e Pontecaldelas valemos o mesmo nos despachos e nos xulgados, porque somos entidades da administración local coa mesma personalidade xurídica”, remachou Díaz deixando patente a súa disposición a seguir a dar a batalla para evitar o transvasamento.

 

Unha medida ineficaz

Segundo os datos oficiais, o encoro de Eiras (no concello de Fornelos de Montes) atinxía un nivel de auga do 81,82% da súa capacidade, a data do 25 de decembro. A mesma medida que na mesma semana do pasado ano 2016 e lixeiramente superior ao nivel rexistrado en 2007. Desta maneira, o abastecemento de auga a corto e medio prazo estaría garantido para os concellos de Vigo, Redondela, Cangas, Moaña, Vilaboa e Soutomaior, así como as demandas que puideran formular O Porriño e Mos. Esta situación discute a urxencia que xustificaría, segundo o Goberno local de Vigo e mais a Xunta, acometer as obras de transvasamento sen informe de impacto ambiental. 

 

O transvasamento suporía un importante impacto ambiental e non sería unha medida eficaz, segundo denuncian os colectivos ecoloxistas

O proxecto incumpriría a Directiva Marco da Auga, tal e como denunciou publicamente a voceira do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, xa que non protexe o dominio público hidráulico, non incrementa a dispoñibilidade do recurso, nin garante a protección a longo prazo do recurso. O transvasamento supón, en opinión do Colectivo ecoloxista A Rente de Chan, “eludir responsabilidades, xa que “non implica economizar, nin racionalizar o uso da auga, e elude aplicar os esforzos na xestión integrada da auga”. 

 

Do punto de vista ambiental, o impacto do transvasamento sería notábel. “O transvasamento afecta negativamente as economías que dependen da saúde do río e implica un aumento do consumo enerxético e das emisións de CO2, e a non reutilización do recurso”, apuntan. Poñen o foco no efecto que a redución do caudal terá na redución do “afloramento”, que é o proceso de desprazamento de augas superficiais desde o interior da ría e a súa substitución por augas profundas cargadas de nutrientes que proveñen da plataforma continental. Ese “afloramento” é responsábel  das condicións microbiolóxicas das augas de cría de moluscos, da dinámica sedimentaria e zoación dos bancos marisqueiros, das zonas de cría de especies como a solla ou choco, e das condicións da fauna acuática. 

 

Para alén do máis, o transvasamento sería ineficaz mesmo en termos de garantir o abastecemento por causa das perdas e fugas na rede de canalización, que algunhas estimacións extraoficiais cifran en arredor dun 30% no caso da cidade de Vigo. “Para perdas na rede do 20% o caudal detraído no transvasamento non chegaría nin para compensar as perdas actuais. Para perdas por acima do 20% non cubriría nin a metade das perdas”, explican desde A Rente do Chan. 

 

Alternativas

Fronte ao proxecto de transvasamento as organizacións ecoloxistas defenden apostar noutras alternativas. Trátase de medidas como a elaboración de plans de emerxencia diante de situacións de seca para os concellos de máis de 20 mil habitantes, a xestión do entorno das correntes de auga (a través, p.ex. da creación de corredores verdes), a sectorización da Rede de subministro e a súa monitorización en tempo real. Propoñen tamén optimizar os procesos de potabilización, a aplicación efectiva das medidas previstas no Plan da Seca, a posta en marcha do Consello para o Uso Sustentábel da Auga a nivel nacional ou a protección das economías sustentadas polo río.

 

O BNG de Vigo rexeita o transvasamento e demanda a creación dun Plan municipal de xestión eficiente da auga

Pola súa banda, o BNG vigués demandou a creación dun Plan municipal de xestión eficiente da auga. “É fundamental dispor dun plan municipal que, a maiores de políticas de aforro, contemple a mellora da rede de abastecemento de augas do noso concello e a optimización da xestión dos recursos hídricos existentes na propia cidade”, defende Serafín Otero, responsábel local da fronte nacionalista na cidade.  Desde o grupo municipal da Marea de Vigo, exixen “medidas reais e non propaganda” para combater a seca e garantir o abastecemento. Desde a Marea denuncian que “gran parte dos máis de 20 millóns de euros que o Concello deu á concesionaria da auga a cambio de inversións pola prórroga de 5 anos acabaron en obras non relacionadas coa rede de auga e saneamento (beirarrúas, bancos, farois, arbustos….)”. O Partido Popular reclaman un maior investimento na mellora das infraestruturas hidráulicas, ao que se deberan ter destinado 180 millóns de euros do recibo da auga desde 2007. 


Tanto Bloque como Marea coinciden en cuestionar o actual modelo de xestión da auga no Concello de Vigo e a súa tarificación. Nese sentido, a Marea demandou a “paralización da tarificación por consumo mínimo [de 30 metros cúbicos por vivenda] e obrigar a Aqualia [empresa concesionaria] a facturar por consumo real”. O BNG foi máis alá e nas emendas presentadas aos orzamentos municipais demandou a elaboración dun estudo e avaliación para o rescate público da concesións de abastecemento de auga, entre outros servizos. 



x