Balseiro e Candia, enfrontados pola candidatura á presidencia da deputación de Lugo

Balseiro e Candia, enfrontados pola candidatura á presidencia da deputación de Lugo
Candia e Balseiro
Candia e Balseiro  

Non se apaga o incendio interno no PP de Lugo.


Todo apuntaba a unha pacificación do PP de Lugo. A elección de Elena Candia como presidente do partido e a derrota do sector ligado a Núñez Feixoo, o desprazamento da súa competidora no congreso Raquel Arias da delegación da Xunta e o nomeamento como substituto de Xosé Manuel Balseiro ou a renovación da dirección na cidade, onde se agrupaba o principal núcleo opositor á nova equipa. Porén a pretendida normalización interna non pasou dun espellismo, abríndose nesta ocasión unha fenda de envergadura entre a maioría gobernante, divida agora entre os próximos a Elena Candia e os fieis a Xosé Manuel Balseiro. As fontes interna do Partido Popular consultadas por Sermos Galiza non dubidan en situar a causa da ruptura nas aspiracións dun e doutro á presidencia da Deputación de Lugo, cuestión que non só está provocando roces evidentes entre as dúas partes, senón que tamén está a tensar proceso de conformación das candidaturas de cara ás municipais.

 

A traxectoria política de Elena Candia está ligada a Xosé Manuel Balseiro. Se ben a presidenta do PP de Lugo chegou á vida pública de man de Luís Rego, alcalde de Mondoñedo que primeiro a inclúe na súa equipa de goberno e posteriormente a nomea como substituta á alcaldía, será Xosé Manuel Balseiro quen a promova para portavoz dos populares na Deputación e posteriormente para presidenta do partido, fronte á candidatura de Raquel Arias. O actual delegado da Xunta en Lugo, após de chegar ao PP tras unha accidentada actuación como secretario de organización do PSOE en Cervo e ser elixido como deputado autonómico, non tardou en ser elixido en secretario xeral dos populares na provincia, converténdose de facto no home forte da organización ao se centrar Xosé Manuel Barreiro na súa actividade no Senado. Foi precisamente este control do aparato provincial e dunha grande maioría dos alcaldes e portavoces municipais por parte de Xosé Manuel Balseiro o que posibilitou a elección de Elena Candia como máxima responsábel do PP en Lugo.

 

Mentres Elena Candia e Xosé Manuel Balseiro pelexan pola candidatura á presidencia da Deputación, os populares teñen cada vez máis complicado conseguir a maioría suficiente para gobernar

 

Os primeiros roces entre Candia e Balseiro xurdiron pola negativa da primeira a actuar como unha persoa de palla do segundo; porén, a ruptura prodúcese no momento en que comezan a coñecerse as aspiracións do delegado da Xunta a se candidatar como presidente da deputación. Segundo sinalaron a Sermos Galiza fontes internas do Partido Popular de Lugo coñecedoras da operación, “hai unha norma non escrita no partido que converte automaticamente o presidente provincial en candidato á presidencia da deputación, no caso de Elena isto resulta máis evidente, xa que leva varios anos exercendo como portavoz da institución provincial, isto fai aínda máis grave a manobra de Balseiro”. Se os argumentos a prol da alcaldesa de Mondoñedo semellan claros, a favor de Balseiro xoga a súa experiencia de xestión, os importantes apoios que continúa a manter nas agrupacións locais do PP e a utilización que está facer da súa responsabilidade na Xunta en beneficio da súa candidatura. É precisamente esta cuestión un dos albos das críticas das xentes de Elena Candia que acusan a Balseiro de “utilizar a Xunta para comprar vontades entre os alcaldes do PP, facendo uso de toda esta infraestrutura en apoio da súa candidatura”.

 

Semella que o Partido Popular está chamando a repetir o proceso vivido hai tres anos, cando Raquel Arias, na altura delegada da Xunta, tentou disputar a  candidatura para a deputación a Elena Candia, no momento a elixida de Balseiro e Barreiro, se ben a de Sober retirouse ao non conseguir os populares a maioría suficiente para gobernar a corporación provincial. Así e todo, as circunstancias son ben distintas. Nada tiñan a ver os apoios de Arias na base do partido cos de Balseiro, a quen un parte importante dos cadros, sobre todo nos concellos rurais, teñen como unha referencia. Ao tempo, Candia aumentou de xeito considerábel o seu nivel de coñecemento entre a afiliación do PP; porén, nesta ocasión non contará co apoio fechado do aparato do partido, unha parte significativa do cal segue en mans de Balseiro. Está por ver tamén de que lado se situará o sector do partido en Lugo próximo a Feixoo e que no anterior congreso provincial apoiou a Arias, cuxo papel diante da división da maioría gobernante pode ser decisiva. En todo caso, antes de decidir quen será o seu candidato á presidencia da deputación, os populares teñen que conseguir a maioría suficiente para gobernar a institución provincial, algo que a esta a altura preséntase como moi complicado.

 



x