Baño de masas de Pedro Sánchez en Ourense

Baño de masas de Pedro Sánchez en Ourense
Rocío Frutos e Pedro Sánchez
Rocío Frutos e Pedro Sánchez  

O establishment orgánico non está con el, mais Pedro Sánchez reuniu por volta de 600 persoas nun ateigado auditorio ourensá na súa aterraxe na Galiza. Alí prometeu un PSOE "de esquerdas, críbel e autónomo" e repartiu chiscadelas ao mundo Podemos e Marea.


O obxectivo da cámara procuraba caras coñecidas e algunha había, a comezar por Rocío de Frutos, a parlamentar do PSOE no Congreso e valedora número un de Sánchez na Galiza; e a seguir polo senador Luís García Mañá, a deputada no Pazo do Hórreo Noela Blanco; o presidente da FEGAMP e alcalde de O Barco, Alfredo García, e o ex portavoz no Parlamento galego e un dos clásicos do PSdeG ao longo das últimas décadas, Ismael Rego.

Non compareceu Pilar Cancela, presidenta da xestora, quen ten apostado por un perfil institucional e por manter neutralidade formal entre as distintas candidaturas (á de Sánchez hai que unir a de Patxi López e a aínda non formalizada oficialmente de Susana Díaz).

Sánchez mostrou que ten conexión coas bases. Non é doado mover 600 persoas -as que ateigaban o auditorio do Edificio Politécnico da Universidade de Ourense-, por máis que o mitin fose de ámbito nacional galego. Respírase euforia nas filas sanchistas, a sensación de que o voto da militancia está coa proposta sanchista dun PSOE antagonista do PP e non dun partido que flirtea coa grande coligazón bipartidista.

IMG-20170316-WA0008

Canto ao discurso, Sánchez dobrou a súa aposta nun PSOE con maior democracia interna e nese sentido prometeu que con el na secretaría xeral as consultas á militancia sobre "pactos eleitorais" serán obrigatorias. Trataríase de evitar que no futuro un Comité Federal puidese acordar un voto no Congreso que puidese viabilizar a investidura dun presidente conservador, tal e como aconteceu no conclave de 1 de outubro de 2016 que resultou na demisión de Sánchez.

Consciente do seu tirón entre as bases, o candidato ao retorno a Ferraz chamou a unha mobilización xeral nas primarias para as converter no "quilómetro cero do cambio", visando "devolver" o PSOE "ao carreiro que nunca debeu deixar: ser un partido de esquerdas, críbel e autónomo".

O discurso de Sánchez para o congreso é binario. No PSOE só hai dúas alternativas. "O PSOE da abstención ao PP e o que defende un partido autónomo, críbel e que dea participación á militancia".

Nese discurso hai un subtexto claro, o da necesidade de articular un "proxecto de esquerdas" plural para derrotar a direita, que necesariamente pasaría por acordos con Podemos e as súas confluencias. Un bloco progresista que Sánchez aspira a liderar desde a esquerda estatal mesmo con chiscadelas á unha España plurinacional.



x