ANA PONTÓN NO #SERMOS272

"As Bases Democráticas son unha proposta para superar o Estatuto e a Constitución"

"As Bases Democráticas son unha proposta para superar o Estatuto e a Constitución"
Ana Pontón, fotografada no patio interior do Parlamento galego
Ana Pontón, fotografada no patio interior do Parlamento galego  Foto: Laura R. Cuba

Sumar forzas arredor da idea da Galiza como nación. Evitar que o país desapareza no buraco negro da recentralización. Esas ideas bolen na cabeza de Ana Pontón, coa que falo no seu despacho de portavoz do grupo parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo. Ve o panorama con inquedanza polo reforzo dos ticks autoritarios do Estado, mais ten confianza na capacidade de reacción do pobo galego. E apela a facer política valente e sen complexos. É a entrevista política do Sermos272. Eis un avanzo.


-Estás a apresentar estes días polo país as Bases Democráticas. En que consisten realmente?

-As Bases Democráticas son unha proposta do BNG para superar o actual Estatuto e a actual Constitución e poñer a referencialidade -no momento en que parece que Catalunya o absorbe todo- en que Galiza ten moito que dicer neste debate. Porque se un país necesita o nacionalismo ese país é Galiza, porque somos os que máis padecemos as consecuencias negativas deste estado recentralizado e autoritario. e iso vémolo todos os días en problemas estruturais que non se solucionan e en como o noso país continúa a viver o drama da emigración, salarios máis baixos, un sistema de pensións que nos discrimina e unha deterioración crecente do que son os nosos servizos públicos. E, polo tanto, esta é unha proposta política para situar Galiza no debate que está aberto e, alén do máis, desde a liberdade absoluta de que nós consideramos que o máis útil que podemos facer é  defender unha superación do actual marco constitucional e estatutario.

 

5-E que traslación poden ter as Bases ao Parlamento?

-Ben, non vexo Alberto Núñez Feijóo a defender esta proposta porque o seu proxecto é antitético. O que defende é a subordinación e a anulación política de Galiza. Imaxínome que por iso responde con tanta agresividade a propostas que parecen tan lóxicas como que teñamos un marco onde avaliar o que significaron todos estes anos de autonomía e Constitución e ver que propostas ten cada forza política perante o cambio de ciclo evidente que estamos a viver. A súa resposta é o insulto e intentar a criminalización do nacionalismo, mais iso lonxe de ser unha fortaleza mostra a súa debilidade. O que nos revela é que este é un problema para el porque o vai deixar espido perante unha sociedade galega que, máis alá do que poda votar en cada proceso eleitoral, si creo que ten unha vontade nacional e que, sobre todo, non ficaría parada perante un novo agravio a Galiza que, penso, é o que se está a xestar neste momento no Estado.

 

-Mais por que o PP si aceita abrir unha comisión no Congreso que eventualmente poda alumear unha nova Constitución e, en troca, na Galiza non teñen intención de falar de nada?

-Eu, porén, si creo que nesa comisión que está constituída no Congreso non se vai decidir nada e máis ben foi unha proposta que fixo o PSOE e dá a impresión de que a súa conformación foi o prezo político que pagou o PP para ter ese apoio entusiasta do Partido Socialista á aplicación do 155. Mais estamos a ver que a definición das dinámicas políticas no Estado vai depender máis do que pase nas nacións sen estado, coa forza que está a demostrar Catalunya neste proceso, e non tanto do que poda dar de si unha comisión constitucional no congreso.  Desde logo se o noso futuro se vai decidir nesa comisión son pesimista porque daí o único que pode é saír un modelo máis recentralizado, que é o que defenden PP e PSOE, e unha anulación política de Galiza. Polotanto, as Bases Democráticas constitúen unha proposta feita desde aquí e o que plantexa é que pensemos como galegas e galegos que futuro queremos e non termos a actitude de esperar a ver que é o que nos dan desde Madrid. O proceso máis ben ten que ser á inversa.

 

[A entrevista íntegra, unha dupla páxina, aparece no Sermos272, disponíbel na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]



x