Bea Mato perfílase como a baza do PP para A Coruña

Bea Mato perfílase como a baza do PP para A Coruña
Bea Mato, no momento da súa toma de posesión como conselleira.
Bea Mato, no momento da súa toma de posesión como conselleira.  

A conselleira de Medio Ambiente e persoa da máxima confianza de Feijóo anuncia esta terza feira a súa candidatura á presidencia do PP na Coruña, paso previo para lanzar a súa carreira rumo á Alcaldía.


Bea Mato non ocultou esta terza feira que está a pensar seriamente en disputar a Alcaldía da Coruña en maio de 2019. 

Após un acto en Vigo, a conselleira pronunciouse nestes termos: "Estou reflexionando seriamente sobre iso [a súa candidatura a María Pita]. É unha decisión moi, moi importante, tanto persoal como politicamente para o partido. E é algo que polo de agora estou reflexionando moi, moi en serio".

O congreso local do PP, ao que Mato concorrería como candidata á presidencia local, vaise realizar o vindeiro 21 de abril.

Ninguén no PP pon en dúbida que Mato será primeiro presidenta do partido na cidade e despois candidata. A actual portavoz en María Pita, Rosa Gallego, xa deixou claro que ela non ten na cabeza postularse como cartaz eleitoral da formación conservadora. "A min paréceme ben que calquera candidato se apresente. E como non me vai parecer ben que se apresente Bea Mato! Nós somos unha equipa, somos moita xente. E todos a unha. Aquí o tema é recuperar a Alcaldía en 2019", dixo en declaracións recollidas por Radio Coruña.