NA CONMEMORACIÓN DA II REPÚBLICA ESPAÑOLA

Beiras apela a “facer vixentes os valores republicanos”

Beiras apela a “facer vixentes os valores republicanos”
Beiras, nunha imaxe dun vídeo difundido por Nós TV
Beiras, nunha imaxe dun vídeo difundido por Nós TV  

O fundador de Anova interveu no acto que conmemorou o 87 aniversario da proclamación da II República Española o pasado sábado, 14 de abril, Vigo para advertir de que "sen república non hai democracia".


Acompañado dunha bandeira republicana española, Xosé Manuel Beiras tomou a palabra no acto que conmemorou en Vigo o 87 aniversario da proclamación da II República Española. O fundador de Anova sinalou que “sempre se nos di que en canto a esquerda chega a facer un proceso revolucionario, hai terror. E non, non hai terror. Terror é o que estamos a padecer todos os días”.

 

O veterano político puxo de manifesto que “o único que podemos facer é afirmar que somos cidadás e cidadáns e que non somos servos e nunca imos ser servos; nin as traballadoras e traballadores queremos volver ser escravos”. Engadiu entón que “sen república non pode a ver democracia, a ver se nos enteramos dunha puñetera vez”.

 

Por último, Beiras sinalou que “a democracia só pode ter vixencia se facemos vixentes os valores republicanos”.

 

Neste acto de Vigo tamén interveu a coordinadora nacional de IU na Galiza, Eva Solla, quen subliñou que “a República representa un modelo de Estado que supón o amparo de todos os dereitos sociais e civís que hoxe defenden homes e mulleres de esquerdas”.

 

Pronunciouse a respeito da conmemoración da proclamación da II República Española Luís Villares, portavoz de En Marea, quen afirmou que coa proclamación da II República Española as mulleres conquistaron o dereito ao voto, “celebrámola para resgatar unha lembranza silenciada e para coidar a nosa memoria democrática”.

 

As Xuventudes Socialistas, órgano da mocidade do PSOE, sinalou que “é un exercicio de hipocrisía ter como representante dun Estado democrático quen non foi escollido democraticamente” e lembrou que o modelo republicano “ten como base a participación cidadá”.

 

Outras conmemoracións

 

Alén da mobilización de Vigo, que estaba convocada pola Asemblea Republicana da cidade, o Concello de Santiago conmemorou a proclamación da II República Española cun roteiro. Ao respeito, o alcalde da urbe, Martiño Noriega, afirmou na súa conta de Twitter que “República é máis que un sistema de goberno. É a liberdade, igualdade e fraternidade que unha democracia precisa para ser. Por iso é memoria e horizonte”. Agregou que “cadaquén escolla despois número e apelido”.

 

Izquierda Unida tamén celebrou varios actos na Galiza, como o que tivo lugar en Ferrol, perante o Baluarte de Canido, ou na Coruña, en Punta Herminia. En Narón, o Concello e a Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática realizaron unha ofrenda floral ás persoas represaliadas e en Lugo leuse un manifesto na Praza da Soidade, fronte ao monólito que rende homenaxe á República española.

 



x