Beiras ve que as confluencias poden acabar "en mal porto" se Podemos atende "a demoscopia"

Beiras ve que as confluencias poden acabar "en mal porto" se Podemos atende "a demoscopia"
Beiras, con Pablo Iglesias
Beiras, con Pablo Iglesias  

Advertencia de Beiras, o referente histórico de Anova, ao partido que dirixe Pablo Iglesias.


As tensións non teñen trazas de diminuír no seo da confluencia. Na mesma semana en que Alberto Garzón pide un reequilibrio de forzas dentro de Unidos Podemos -para as posicións de IU teren máis peso-, o líder histórico de Anova, Xosé Manuel Beiras, reclama da formación que dirixe Pablo Iglesias menor atención á "demoscopia" (isto é, aos inquéritos).

 

En declaracións a Europa Press realizadas esta sexta feira en Pontevedra, Beiras dixo literalmente que a "esquerda emerxente" podería acabar en "mal porto" se Podemos "se preocupa da demoscopia e de como os seus posicionamentos impactan no eleitorado español".

 

Inquirido sobre a pretensión de IU de reconsiderar os termos do seu acordo con Podemos, Beiras dixo que esas eran "cuestións internas" do espazo de Unidos Podemos, embora, en ton crítico, deslizou que "mal servizo fan se se enredasen en se lle corresponde máis ou menos a uns e outros". Esa dinámica de tirapuxa acabaría atinxindo tamén as confluencias en Galiza e Catalunya, alertou.

 

A respeito da confluencia galega, Beiras advertiu que "hai que ver até medida se consolida En Marea como alternativa de unidade popular", para o cal demandou respeito aos "documentos fundacionais", no que pareceu unha chamada de atención a Podemos e Esquerda Unida (reticentes con Anova polo apoio que o partido agora liderado por Antón Sánchez ten emprestado ao soberanismo catalán). De non se gardar fidelidade aos textos aprobados na súa asemblea constitutiva  "se está formalmente dentro de En Marea, mais en realidade se está fora", alegou o veterano dirixente.

 



x