Os Reis Magos traerán a Rajoy unha biografía de Rosalía

Os Reis Magos traerán a Rajoy unha biografía de Rosalía
Rajoy, no recente acto de inauguración da ampliación da ponte de Rande
Rajoy, no recente acto de inauguración da ampliación da ponte de Rande  

Os Reis Magos, si, son as nais e os pais. Ou non sempre. Desta volta é un parlamentar do BNG, Luís Bará. É el o autor dun dos agasallos que vai receber Mariano Rajoy este 6-X. Unha biografía de Rosalía de Castro.


Mariano Rajoy receberá o día de Reis un presente que en principio custa asociar coa súa figura, a biografía de Rosalía de Castro escrita por María Xesús Lamas (Editorial Galaxia). Quen llo regala é o deputado do BNG Luís Bará.

 

O agasallo vén acompañado dunha carta. Nela Bará explica que o libro sobre Rosalía axudará Rajoy a "entender a riqueza, a complexidade e a extraordinaria valía da obra rosaliana, e a compartir as razóns pola que a día de hoxe dá nome a unha das principais avenidas da cidade [Pontevedra]”.

 

Si, nomea unha rúa que antes levaba o nome dun militar franquista -Salvador Moreno- polo que Rajoy parece sentir certa devoción.

 

RCHai truco neste insólito agasallo? En realidade, si. O que tenciona o parlamentar do BNG -explica a organización nacionalista nun comunicado de imprensa- é que a leitura da biografía da autora de Cantares Gallegos forneza a Rajoy argumentos para que poda entender por que o goberno local de Pontevedra resolveu -en aplicación da Lei de Memoria Histórica- retirar a denominación dun golpista do rueiro da cidade e substituílo polo nome de Rosalía de Castro.

 

Rajoy dixo non entender o troco de nome da rúa -embora este viñese obrigado pola aplicación da lexislación estatal- e afirmou que el continuaba a utilizar a antiga denominación, franquista, da avenida. Esas declaracións -dille Bará a Rajoy na misiva- serían "un acto de menoscabo e desprezo de Rosalía de Castro, a máis universal das escritoras galegas, persoa
que encarna valores antitéticos aos do militar golpista: a defensa de Galiza e das súas clases populares, o feminismo, o compromiso coa lingua galega, a loita pola igualdade, a xustiza e a dignidade humana".

 

Luís Bará Aproveita a comunicación postal o parlamentar do BNG -e tamén concelleiro de Patrimonio e Memoria Histórica de Pontevedra- para, nesa dupla calidade, demandar de Rajoy que en aplicación das súas competencias promova a modificacion da denominación Salvador Moreno coa que se designa un centro de ensino -dependente do MInisterio de Defensa- que se acha ubicado na agora chamada avenida Rosalía de Castro.

 

E unha cousa máis: Bará lémbralle a Rajoy a vixencia da Lei de Normalización Lingüística -aprobada no seu día polo Parlamento da Galiza por unanimidade- e aféalle ao presidente do goberno por recentemente ter utilizado nas redes o topónimo deturpado e ilegal Sangenjo (sic).

 

"Como vostede utilizou recentemente nunha comunicación escrita a forma Sangenjo -e emprega habitualmente formas deturpadas e castelanizadas da nosa toponimia-, permítome lembrarlle o deber que nos obriga a todos de cumprir e respectar a lei, e ao mesmo tempo a importancia de dar exemplo desde as institucións públicas", conclúe a súa misiva a Rajoy o parlamentar nacionalista.

 

 



x