RECLAMA UN ESTATUS DE NACIÓN

O BNG chama a superar o marco herdado do réxime do 78

O BNG chama a superar o marco herdado do réxime do 78

Un estatus de nación para Galiza e a superación do marco herdado do réxime do 78, que non dá solucións ao país. Estas foron as principais reclamacións do BNG no acto pola soberanía e de recoñecemento dos deputados expulsados do Parlamento en 1982 por non acatar a Constitución.


Como cada 6 de decembro, o BNG volveu reivindicar a soberanía de Galiza. Fíxoo, desta vez, en Compostela, nun acto en que homenaxeou Lois Diéguez –quen tomou a palabra–, Claudio López Garrido e Bautista Álvarez, os tres deputados nacionalistas expulsados do Parlamento en 1982 por se negaren a xurar a constitución e por cuestionaren xa daquela un marco herdado do réxime do 78.

 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou todas as forzas políticas a dar un paso adiante co fin de superar un marco que "non resolve os problemas de Galiza". A formación nacionalista levará o debate ao Parlamento galego co fin de abordar “a crise do réxime do 78 e dunha autonomía autoanémica” e para elaborar unha proposta de novo estatus de nación para Galiza. Entende Pontón que non se pode agardar porque “corremos o risco real de quedarmos atrás”.

 

Recortes nos investimentos do Estado, atrasos na chegada do AVE, subida das peaxes, espolio enerxético, supresión do sistema financeiro... foron algúns dos exemplos da involución de Galiza que puxo Pontón sobre a mesa. "Desde que Feijóo ten maioría absoluta todo son malas novas, por non ter, non  temos nin choiva”, ironizou.

 

A constitución, unha fraude

 

Na súa intervención, a portavoz nacionalista tamén puxo de manifesto que a constitución naceu “dunha transición fraudulenta” e “dun pacto de silencio”, así como dun acordo en que estaban o vello réxime franquista e o exército e que nunca foi aceptado polo nacionalismo galego, porque “non aceptamos a impunidade dos crimes fascistas, a monarquía, nin a negación de que Galiza ten dereito a decidir”. Cargou contra a esquerda española por lexitimar a “historia edulcorada da transición”. 

 

“Nós non nos trabucamos de bando en 1978. En 2017 tampouco. Outros equivocáronse hai 40 anos e volven facelo agora ao pensar que o problema é Catalunya, Euskadi e Galiza e non ver que o problema é esa idea desfasada dunha España una, grande y libre”, agregou.

 

Reforma da constitución

 

En relación á pretendida reforma constitucional, afirmou que “non se pode esperar nada”. “Alguén pensa que se pode esperar algo dos que puxeron en marcha as contrarreformas laborais, a lei mordaza, antepuxeron a banca ás persoas ou pactaron a aplicación do 155?”, preguntouse. A reforma, engadiu, “é o comodín dos partidos estatais para frear as aspiracións das nacións sen Estado”, que “temos que ser as que abramos unha fenda democrática a favor da igualdade, da xustiza e dos dereitos”.

 

Deste xeito, apelou a “construír un poder político propio e levantar un muro de contención contra os recortes, os agravios e as discriminacións”. “Temos todo por gañar se confiamos en nós mesmas e exercemos como galegas e galegos”, concluíu a nacionalista, que volveu lembrar as Bases democráticas para unha nova Galiza, co fin de superar a constitución.

 

 



x