O BNG exixe ante a Catedral de Santiago a devolución das esculturas do Pórtico da Gloria “espoliadas” polos Franco

O BNG exixe ante a Catedral de Santiago a devolución das esculturas do Pórtico da Gloria “espoliadas” polos Franco

Reclama a devolución das figuras de Abraham e Isaac ao patrimonio galego. Ana Pontón, portavoz nacionalista, di que é unha “vergoña  democrática é que dúas esculturas do Pórtico da Gloria formen parte da colección particular da familia Franco”.


Militantes e simpatizantes do BNG concentráronse diante do Museo da Catedral de Santiago no que se expón a mostra adicada ao Mestre Mateo e que acolle dúas esculturas do Pórtico da Gloria de propiedade da familia Franco. A  portavoz nacional do BNG, Ana Pontón reclamou a devolución das figuras de Abraham e Isaac ao patrimonio galego e afirmo, parafraseando as declaracións da vicepresidenta española sobre o procés catalán, que , “vergoña  democrática” é que dúas esculturas do Pórtico da Gloria “formen parte da colección particular da familia Franco”.

 

“É unha vergoña democrática que permitamos que a familia Franco manteña bens que foron roubados ou espoliados ao pobo galego con total impunidade”, dixo Pontón, que considera “vergoñento” que dende as institucións públicas “non se mova un dedo” para restituír a propiedade das figuras do Pórtico da Gloria, o Pazo de Meirás e a Casa de Cornide [propiedade da familia Franco] ao pobo galego.

 

A portavoz nacionalista anunciou que o BNG rexistrará iniciativas no Parlamento galego e no Consello de Santiago de Compostela para que as dúas figuras retornen ao patrimonio galego. A familia Franco parece que está por riba da lei, da dignidade e  dos dereitos”.

 

A vicepresidenta da Deputación da Coruña e concelleira do BNG no concello de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín explicou  que as dúas tallas do Mestre Mateo foron mercadas no ano 1948 polo concello e por valor de 60.000 pesetas coa intención de que non saíran nunca do termo municipal de Compostela, como principal condición na venda. 



x