O BNG lanza as Bases Democráticas para superar o actual marco político

O BNG lanza as Bases Democráticas para superar o actual marco político
[Imaxe: BNG]
[Imaxe: BNG]  

Unhas medidas que deixen avanzar o pobo galego e que permitan rachar coas aldraxes do actual marco político. Así son as Bases Democráticas para unha nova Galiza que o BNG presentou na tarde do sábado en Compostela, onde Ana Pontón salientou que o combate polas liberdades nacionais é un combate pola democracia. A formación nacionalista sacou músculo para dar a coñecer unha proposta que compara, en calado político, coas Bases Constitucionais Galegas de 1977.


O pacto da esperanza ao que Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, se referira o Día da Patria na praza da Quintana, colleu forma na tarde do sábado ao dar a coñecer as Bases Democráticas para unha nova Galiza. Unha proposta política “de calado” coa que superar “os corsés constitucionais e estatutarios” e coa que “camiñar sen lastres”.

 

Pontón: "Son as nacións sen Estado quen promovemos unha ruptura democrática para mellorar as condicións de vida das traballadoras e traballadores"

 

Así comezaba Pontón a súa intervención no acto de presentación das bases, que tivo lugar pasadas as 18h no Auditorio Abanca de Compostela. Unhas medidas coas que construír "a República da Galiza e dicirlle bye bye” ao réxime do 78 e encamiñadas a “avanzar como pobo”. “Este momento político excepcional deixa ao descuberto que son as nacións sen Estado quen promovemos unha ruptura democrática para mellorar as condicións de vida das traballadoras e traballadores”, afirmou a portavoz nacionalista ante perto dun milleiro de responsábeis e militantes do BNG.

 

miniO discurso da dirixente do Bloque insistiu en reclamar o estatus de nación para Galiza e erixiu o BNG como portador “dun proxecto modernizador e democratizador”. Neste sentido, puxo de manifesto que a “loita polas liberdades das nacións negadas é unha loita polas liberdades cívicas e pola democracia” e advertiu de que “o Estado español só será plenamente democrático cando recoñeza que existen nacións que teñen dereito á súa libre determinación”.

 

"A loita polas liberdades das nacións negadas é unha loita polas liberdades cívicas e pola democracia"

 

Así, Ana Pontón fixo un chamamento ás galegas e galegos “a unirnos en defensa da Galiza, para construír un país onde ninguén fique atrás, un país con gobernantes dignos que non rouben nin enganen a xente”. “Temos nas nosas mans a posibilidade de ser protagonistas dun cambio político que nos permita deixar atrás os recortes, a corrupción e as cloacas do Estado español”, salientou a nacionalista, quen engadiu, “con toda modestia pero con todo o realismo tamén vos digo que estou convencida de que ou tiramos desde o BNG por avanzar como nación ou ninguén máis o vai facer”.

 

A portavoz nacional do Bloque preguntoulles ás persoas asistentes se “é mellor seguir como estamos, producindo electricidade a esgalla mentres as empresas eléctricas teñen beneficios de escándalo ou apostar na enerxía eléctrica como un ben público e abaratar a factura da luz?”. “É mellor que Montoro siga tendo a chave dos nosos cartos e facendo amnistías fiscais ilegais, ou un concerto económico que nos daría máis de 3.500 millóns de euros para financiar a nosa sanidade, educación ou dependencia? Que preferides, unha Constitución que antepón os pagos aos bancos á vida e ao benestar das persoas ou un novo marco político onde blindemos os dereitos sociais e as liberdades públicas nunha democracia moderna?”, agregou.

 

Ana Pontón cargou contra “os que se lles enche a boca dicindo que o Estado garante a igualdade, pero non é certo”. Citou, como exemplos, a desigualdade nos salarios, nas pensións, nas infraestruturas… “de que igualdade nos falan? A única igualdade que hai é á hora de pagar”.

 

Galiza, unha nación con dereito á soberanía

A dirixente do Bloque resumiu en cinco eixos o contido das Bases. En primeiro lugar, salientou o carácter nacional de Galiza, “como nación, ten dereito á súa soberanía, a ser un suxeito político con capacidade para actuar e tomar as medidas que melloren as condicións de vida da xente que vive e traballa neste país”. O recoñecemento como nación, engadiu, é “clave”, “este é o cerne do debate que neste momento se produce no Estado español”.

Unha democracia avanzada

En segundo lugar, salientou que o BNG quere blindar coas Bases “os dereitos sociais e as liberdades públicas”. “Queremos unha democracia real, que haxa referendos vinculantes e que o pobo recupere poder, e mesmo que o pobo poida revogar cargos públicos incursos en casos de corrupción”, afirmou Pontón. 

A Galiza da igualdade

En terceiro lugar, Ana Pontón apelou por un novo pacto social “que nos dea ferramentas para desterrar o machismo”, pois “levamos demasiados anos vendo como a igualdade é papel mollado, e estamos fartas de que a corresponsabilidade non chegue; fartas de cobrar menos por facer un mesmo traballo, fartas de ser asasinadas polo feito de ser mulleres”.

Unha Galiza en que ninguén fique atrás

A continuación, Pontón apelou a que os poderes públicos “recuperen un papel na economía” e “poñan en marcha un plan de modernización de Galiza que protexa os dereitos dos traballadores, salarios decentes e fixe como dereito unha renda social básica que permita desfrutar de condicións de vida dignas, sen exclusións de ningún tipo”.

Unha Galiza orgullosa dos sinais de identidade

“E finalmente, queremos construír a Galiza orgullosa dos seus sinais de identidade, unha Galiza que usa con orgullo a súa propia lingua. Unha Galiza onde nunca máis ninguén teña que verse discriminado por usar o galego”, salientou, entre aplausos do auditorio.

Todo, agregou, “para deixar atrás a Galiza precaria e low cost e para construír ese país que merecemos e que podemos ser”.

 

“Vivimos nunha democracia secuestrada polos poderes fácticos, aos que lles interesa que todo siga igual”

 

DKa_uPiWAAENM5RTras resumir o contido das Bases, Ana Pontón afirmou que se trata dunha “proposta aberta para o debate co conxunto da sociedade galega”. Así, a intención do Bloque pasa por “abrir un debate sereno”. “Vivimos nunha democracia secuestrada polos poderes fácticos, aos que lles interesa que todo siga igual”, afirmou, “mais pídovos que non teñamos medo e que nos manteñamos fortes nos nosos principios e nas nosas ideas”. “O peor que nos podería pasar é que nada se mova ou seguir parados mentres nos rouban dereitos, e este momento abre unha xanela a que as cousas cambien a mellor”.

 

Tirando de ilusión e confianza, Ana Pontón salientou que é necesaria “unha nova maneira de facer política: democrática, participativa, deixando atrás a corrupción e a mentira, as desigualdades e os recortes”. “Urxe facer política con maiúsculas”, sinalou a dirixente nacionalista, quen concluíu a súa intervención cunha lembranza a unha tradición política que vai “desde os Mártires de Carral a Alonso Ríos, Brañas, As Irmandades ou o Partido Galeguista”.

 

Após citar Castelao, Ana Pontón alzou tres caraveis para poñer punto final ao acto político. O primeiro dedicoullo “ás mulleres que nos ensinaron que sen rebeldía non hai avances nin cambios”. O segundo, ao pobo catalán, “que está dando unha lección de civismo e democracia”. E o terceiro, ás persoas que “nalgún momento da súa vida achegaron o seu traballo e intelixencia para manter viva a defensa de Galiza”. Foi entón cando lle rendeu a súa homenaxe a Bautista Álvarez, falecido hai unha semana.

 

Amais de Pontón, tomaron a palabra o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández; o senegalego Cheikh Faye, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e a deputada Olalla Rodil.



x