BNG lanza un Día da Patria "aberto" a quen aposta nun "cambio de rumo" para Galiza

BNG lanza un Día da Patria "aberto" a quen aposta nun "cambio de rumo" para Galiza
Un momento do Consello Nacional
Un momento do Consello Nacional  

O Día da Patria 2017 xa está no albo do BNG. A maquinaria da formación nacionalista botou a andar para lograr unha convocatoria masiva da mobilización por excelencia do soberanismo na Galiza. O Consello Nacional do BNG realizado este sábado ambiciona un Día da Patria "aberto" a todas as persoas que queren un futuro para o país non teledirixido desde Madrid.


O BNG concibe esta convocatoria, en palabras de Ana Pontón, como un chamado "a todos os galegos e galegas que confían na Galiza e queren darlle un cambio de rumo, unha convocatoria aberta que quere recoller todas as loitas e na que caben todas as causas xustas, unha convocatoria para deixar claro que Galiza é unha nación que reclama o seu lugar no concerto dos pobos libres".

 

Para conseguir que o 25X sexa o máis masivo posíbel, o BNG tentará mobilizar todos os colectivos e persoas que aspiren a que no país se concretice un cambio real . "O Día da Patria é festa de todas as galegas e galegos", dixo Pontón.

 

Galiza está "desaparecida" como, a xuízo do BNG, se viu no debate dos orzamentos e na recente moción de censura no Congreso, polo que é máis necesario que nunca resgatala do abandono e o desaparecimento a meio dunha grande mobilización cidadá. "Hai que encher de dignidade e de orgullo de ser galegas as rúas de Compostela e a Praza da Quintana, como demostración dunha sociedade viva que emerxe para rebelarse contra a discriminación do Estado". 

 

O BNG promoverá unha campaña nas vésperas do Día da Patria arredor da idea do "agravio" a Galiza por parte do Estado

 

Esa "discriminación" vai levar o BNG a lanzar, con carácter previo aos actos do Día da Patria, unha campaña de denuncia do "agravio" visando criar unha "axenda galega" que, enfatizan desde a formación nacionalista, volte a colocar Galiza "no tren das nacións" e dea posto os "retos do país" entre as "prioridades do Estado" en asuntos como a transferencia da AP9, a tarifa eléctrica ou un novo modelo de financiamento.

 

Para Pontón, o recente debate da moción de censura mostrou que "Galiza está ausente", o que torna "máis clara" a necesidade de "forzas políticas propias, sen máis obediencia que defender os intereses deste pobo sen supeditación a ningunha estratexia deseñada desde fóra".

 

No horizonte, remarcou, está superar un "estatuto autoanémico" e unha Constitución española "que nos nega como pobo".

 

 



x