CONSELLO NACIONAL DA FORMACIÓN FRENTISTA

BNG lanzará o 23S as Bases Democráticas para unha Nova Galiza

BNG lanzará o 23S as Bases Democráticas para unha Nova Galiza
Ana Pontón, durante a súa intervención perante o Consello Nacional
Ana Pontón, durante a súa intervención perante o Consello Nacional  

O BNG non quer ir á ponencia parlamentar que acaba de propor sobre o autogoberno do país coas mans baleiras. É por iso que o Consello Nacional da formación frentista aprobou este sábado o lanzamento -o próximo 23 de setembro en Compostela- das Bases Democráticas para unha Nova Galiza. "A estrutura do estado vai mudar e o réxime de 1978 está tocado", dixo a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, durante a súa intervención perante o Consello. Nesa conxuntura Galiza non pode ficar atrás e o BNG asume que "ou tomamos nós o impulso ou ninguén máis o vai facer".

 


O BNG está a reforzar a ligazón entre dous conceitos, nacionalismo e democracia, sinónimos, ao parecer da organización frontista, neste momento no Estado. A cuestión catalá -o conflito producido por un Estado que impide a un país se pronunciar en referendo sobre o seu futuro- é unha cuestión nacional, si, mais tamén unha cuestión esencialmente democrática, avalía o BNG. Esta idea permea non só a ponencia parlamentar que sobre o autogoberno propón o Bloque no Pazo do Hórreo -con vistas a superar o actual marco estatutario e lograr o pleno recoñecimento de Galiza como nación soberana-, senón tamén as Bases Democráticas para unha Galiza Nova que se apresentarán á sociedade galega o 23 de setembro, de acordo co calendario aprobado polo Consello Nacional da formación frentista este sábado 9 de setembro. Non en calquera momento, non, senón a dous días de que previsibelmente centos de miles de persoas, tal vez máis dun millón, tomen as rúas de Barcelona en defensa do direito a decidir de Catalunya.

 

"A estrutura do Estado vai mudar e o réxime de 1978 está tocado", afirmou Ana Pontón durante a súa intervención perante o Consello Nacional. "Temos que ter propostas e iniciativas para garantir que neste novo cenario Galiza non fai ficar atrás, propostas para abrirmos unha porta á esperanza", acrecentou.

 

"Ou tomamos nós o impulso deste debate ou ninguén máis o vai facer", argumentou a portavoz nacional do Bloque. Non é posíbel continuar como estamos, após catro décadas de autonomía: "Coa Constitución española e co Estado de Autonomía, Galiza non avanzou en termos relativos se nos comparamos cos países da nosa contorna", sentenciou Pontón. E para avalar esa afirmación enumerou os problemas básicos do país, agravados, a xuízo da líder nacionalista, durante estes 40 anos. Así, Pontón quitou a pasear os espectros da crise demográfica, o avellantamento, a destrución do territorio, o despoboamento, a emigración da mocidade, a "asfixia programada da nosa lingua e da nosa cultura" ou a precariedade laboral. "Cada vez somos menos e máis vellos", recapitulou.

 

"Ou tomamos nós o impulso deste debate ou ninguén máis o vai facer", argumentou a portavoz nacional do Bloque

 

Perante esta situación, o BNG ten claro que Galiza no pode aceitar "corsés que nos limiten ou discriminen nen como galegos e galegas, nen como mulleres, nen como unha nación que quer conquistar a súa soberanía", dixo Pontón, quen a seguir arengou os integrantes do máximo órgao frentista entre asembleas: "Temos que traballar como nacionalistas e como demócratas, social e institucionalmente, para facer fronte ás posicións inmobilistas e autoritarias e abrir novos horizontes para o noso país".

 

Consello Nacional BNGNesa perspectiva de traballo social e institucional inseriu Pontón a proposta do BNG de criar no Hórreo unha ponencia parlamentar con vistas a ultrapasar o actual marco político constitucional e estatutario. Galiza precisa de "capacidade de decidir" en multitude de materias e nen a Constitución nen o Estatuto outorgan ao país as ferramentas para lidar con elas con éxito. Falou en concreto da criación de emprego de calidade, o estabelecimento dunha carta de direitos sociais, a blindaxe das liberdades públicas "e da liberdade de expresión" e o favorecimento "da normalización e do futuro da lingua e da cultura da Galiza".

 

"En definitiva", resumiu, "defendemos ter poder político para un Novo Proxecto de País, esa Galiza das oportunidades en que ninguén fique atrás".

 

O debate non o quer o BNG abstracto, senón o máis concreto e propositivo posíbel. Daí que a formación estivese a traballar durante as últimas semanas na confección dunhas Bases Democráticas para unha Nova Galiza, cuxa data de lanzamento aprobou este sábado o Consello Nacional. Será en Compostela o próximo 23 de setembro. "Unhas bases que queren representar a Galiza de hoxe, a Galiza contemporánea, darnos novas ferramentas para enfrontar os desafíos desta era e situar o noso país no mundo con voz propia", dixo a líder soberanista. 

 

DÚAS OPCIÓNS

 

O contexto en que o BNG vai apresentar as Bases Democráticas para unha Nova Galiza é o dun conflito aberto entre dous proxectos en disputa, analisou Pontón. "Hai dous modelos posíbeis. Ou o modelo da dependencia de Madrid que representan as forzas políticas estatais e que lidera o Partido Popular ou o modelo de ter confianza no país, en Galiza, de tomar nós como galegas e galegos as rédeas do noso futuro. Esa é a encrucillada que estamos a viver neste momento", alegou.

 

A formación estivo a traballar durante as últimas semanas na confección dunhas Bases Democráticas para unha Nova Galiza

 

Na súa intervención perante o Consello Nacional, Pontón non deixou de tocar outros tres asuntos moi sensíbeis para a formación frentista. O primeiro, a campaña pola devolución ao pobo galego dos bens espoliados pola familia Franco após o golpe fascista de 1936, desde o Pazo de Meirás até as esculturas roubadas ao Pórtico da Gloria. O segundo, a loita contra a violencia machista, que desta volta simbolizaría o apoio aos direitos de Juana Rivas. O terceiro, o respaldo sen fendas ao referendo do 1-O promovido en Catalunya polas forzas soberanistas.

 

Sobre a primeira cuestión, Pontón perguntouse: "Onde se viu que dúas estatuas que fan parte do Pórtico da Gloria podan pertencer á familia dun ditador e que non pase nada? Onde está a democracia? Onde está a restitución da xustiza". "A Fundación Francisco Franco quer converter as vítimas en culpábeis e quer negar o que significou o franquismo para este país", denunciou. "Chegou o momento de lles parar os pés e de exixir a devolución do Pazo de Meirás, da Casa Cornide e tamén desas estatutas do Pórtico da Gloria que deben voltar ao lugar para o que foron concebidas e que son patrimonio do conxunto de todas as galegas e de todos os galegos".

 

"Onde se viu que dúas estatuas que fan parte do Pórtico da Gloria podan pertencer á familia dun ditador e que non pase nada? Onde está a democracia?"

 

O BNG levará este asunto ao pleno do Parlamento galego desta próxima semana. No Pazo do Hórreo a formación nacionalista vai reclamar "o que é xusto e que lle pertence ao noso pobo". "Agardemos que nese momento os que sacan o carnet de demócratas -dixo en alusión ao PP- estean realmente do lado da democracia e non sexan cómplices co espolio dese patrimonio e con manter uns privilexios que claramente son un atentado á democracia".

 

En relación ao combate contra a violencia machista, Pontón anunciou que "hoxe saíremos á rúa", para participar nas mobilizacións en defensa de Juana Rivas. "Ergueremos a nosa voz para denunciar que os maltratadores non son bos pais e que a xustiza ten que partir do contexto en que vivimos se non quere responder unicamente a unha tradición machista que nós cremos que evidentemente hai que superar, e desde logo o BNG vai traballar para iso".

 

A CUESTIÓN CATALÁ

 

"Desde este Consello Nacional expresamos o noso apoio ao direito dos pobos a decidir libremente o seu futuro", dixo Pontón para reafirmar o respaldo do Bloque ao referendo de autodeterminación convocado polo Govern para o 1-O. "Oito de cada 10 cataláns queren votar e as forzas estatais pretenden ilegalizar a democracia", alegou a líder nacionalista, para quen é "bochornoso" ver como a Garda Civil se dedica a "perseguir e vixiar imprensas" porque "parece ser que poden imprimirse nela papeletas para que a xente poda votar libremente como quere que sexa o seu futuro".

 

"Ergueremos a nosa voz para denunciar que os maltratadores non son bos pais"

 

As escenas da Garda Civil a rexistar unha imprensa constitúen unha "imaxe máis propia dunha ditadura do que dunha democracia", o que a leva a concluír que "o que se perseguen non son nen as papeletas nen as urnas. O que están a perseguir é a propia democracia e o direito a defender ideas e a reivindicar un cambio de statu quo no Estado español".

 

Na súa intervención perante o Consello Nacional, denunciou Pontón que no Estado español "non hai separación de poderes" e que "a xustiza se está a converter nun brazo armado máis do PP". "E se non perguntádevos: por que o Tribunal Constitucional non actuou cando o PP e o PSOE cambiaron a Constitución nunha tarde de verán para privilexiar os intereses da banca fronte ás persoas?", acrecentou. E aínda formulou outra pergunta saudada por unha salva de aplausos polos integrantes do Consello Nacional: "Por que non reclama a Fiscalía que respondan Rajoy e Soraya co seu patrimonio persoal polos máis de 40 mil millóns de euros que lle regalaron á banca?".

 

O PP non actúa só en Catalunya, quixo deixar claro Pontón, quen lanzou tamén os seus dardos dialécticos á esquerda estatal. O partido liderado por Rajoy estaría a contar co "apoio, por activa e por pasiva" de PSOE e de Podemos, no que constitúe "non só unha vergoña antidemocrática, senón o intento mesmo de ilegalizar a democracia e de fechar a posibilidade dun cambio de statu quo que abra unha oportunidade para todas e todos".

 

"Oito de cada 10 cataláns queren votar e as forzas estatais pretenden ilegalizar a democracia"

 

"Se hoxe estamos aquí é porque moitos e moitas antes cuestionaron o statu quo", dixo Pontón a modo de conclusión, a evocar o movimiento sufraguista das mulleres ou a dignidade de Rosa Parks cando se levantou contra unha lei inxusta, o apartheid que reservaba os piores asentos dos autocarros á populación negra estadunidense.

 

"A historia constrúese así, a democracia e os avanzos sociais tamén se constrúen desde esa rebeldía", engadiu Pontón, ao tempo que pediu ao Consello Nacional "determinación e confianza no futuro". "O futuro deste país escríbese coa D de democracia e coa G de Galiza", concluíu.

 



x