Pontón marca como obxectivo do BNG ser en 4 anos a alternativa ao goberno do PP

Pontón marca como obxectivo do BNG ser en 4 anos a alternativa ao goberno do PP
Celebración en Belvís
Celebración en Belvís  Foto: BNG

Traballar no Parlamento e na rúa para no prazo de 4 anos tornar o BNG  na alternativa ao goberno do PP na Xunta da Galiza. Ese é o ambicioso obxectivo que marcou este sábado a portavoz nacional, Ana Pontón, no curso dun xantar popular que serviu para a dirección do Bloque mostrar a súa gratitude á base militante da organización.


Por volta de 500 persoas tomaron parte nun xantar popular no compostelán Parque de Belvís en que o flamante grupo parlamentar nacionalista mostrou a súa gratitude aos miles de militantes e simpatizantes do BNG que participaron nunha campaña eleitoral en que a formación soberanista superou as expectativas e destrozou os prognósticos das empresas demoscópicas.

Nun ambiente claramente festivo, Ana Pontón chamou a non baixar os brazos e a proseguir a remontada da formación nacionalista. E aínda máis, chamouna a traballar arreo estos próximos catro anos para chegar a 2020 en condicións de disputar a hexemonía política ao Partido Popular.

“Estamos traballando desde xa para liderar a alternativa que sitúe o Bloque como referencia do cambio que máis cedo que tarde vai producirse na Galiza. Traballaremos para emerxer dentro de catro anos con máis forza e situarnos como alternativa que derrote a dereita e o centralismo, e abra un novo ciclo para o país” dixo Pontón.

Ana Pontón chamou a agrandar a base apoiante do BNG: “Temos que sumar máis persoas, máis militantes, mais tamén simpatizantes, unha rede de colaboradoras e colaboradores que nos fortalezan porque esa é a chave para avanzar”

Condición previa para pór o BNG nesa condición de forza alternativa ao PP é, enfatizou a portavoz nacional, incorporar máis galegas e galegos ao proxecto nacionalista. “Temos que sumar máis persoas, máis militantes, mais tamén simpatizantes, unha rede de colaboradoras e colaboradores que nos fortalezan porque esa é a chave para avanzar”, dixo.

Pontón tivo palabras moi cálidas de gratitude á militancia polo seu traballo durante a recente campaña: “O motor do cambio, da corrente de simpatía e entusiasmo que abrimos ao noso redor é o resultado de cada militante que colgou bandeirolas, de quen repartiu panfletos, do noso labor nos concellos, nas deputacións, co que cada día demostramos con feitos que o BNG é un proxecto con ideas e principios, capaces de facer que Galiza avance e progrese”.

No acto -no que tomaron a palabra todas as parlamentares do BNG- Pontón xulgou que os resultados do 25S constitúen un "paso adiante" para a consolidación do proxecto nacionalista na Galiza, "vento nas nosas velas que nos ten que permitir avanzar cara ao noso obxectivo: unha Galiza dona do seu futuro, próspera, con igualdade, liberdade e vida digna".