CON EH BILDU, ERC E COMPROMÍS

BNG organiza en Bruxelas a conferencia "Franquismo despois de Franco"

BNG organiza en Bruxelas a conferencia "Franquismo despois de Franco"
Miranda, Pontón e Juaristi
Miranda, Pontón e Juaristi  

Non morreu o 20-N de 1975. O franquismo continúa aquí e proxecta a súa sombra sobre as políticas en curso dos gobernos do PP. Esa é a ideia central que leva o BNG a, conxuntamente con EH Bildu, organizar en Bruxelas unha conferencia sob o título de "Franquismo despois de Franco". Será este 20 de novembro, 42 anos após a morte do ditador.


Ana Pontón, Ana Miranda e Jon Juaristi -portavoz nacional do BNG, voceira da formación soberanista galega perante Bruxelas e eurodeputado de EH Bildu- apresentaron esta segunda feira na Coruña o programa da conferencia "Franquismo despois de Franco" que organizan estas forzas políticas autodeterministas en Bruxelas o próximo 20 de novembro, 42 aniversario do falecimento do ditador.

 

O franquismo non é unha materia de pasado, continúa a estar presente aquí e agora. Nese sentido, a portavoz nacional do BNG denunciou que o momento de involución democrática que se está a viver no Estado -como mostra a escalada represiva contra as arelas de liberdade do pobo catalán- está a dar alas á extrema direita. Nisto hai responsabilidades na area política, mais tamén na xudicial, e nese sentido a líder do BNG critica "unha xustiza que encadea políticos por defender as súas ideas mentres continúan impunes os crimes da didatura e non ve delito cando a Fundación Francisco Franco fai apoloxía do réxime".

 

Ana Pontón ve na Audiencia Nacional "a ala dura da direita máis extrema"

 

Ponlle nomes Pontón á súa denuncia: a "ala dura da direita máis extrema" estaría neste momento na Audiencia Nacional, o tribunal de excepción que -sen sentenza polo meio, e como medida cautelar- decidiu encarcerar sen fianza Junqueras e 7 consellers, en contraste coa recente decisión da xustiza belga de deixar en liberdade Puigdmont e outros 4 membros do Govern.

 

"Non podemos permitir que se branquee nin o que foi o franquismo nin o que significa hoxe o fascismo", dixo Pontón, ao tempo que deslizou alusións críticas ao PSOE por aparecer "en pancartas ao lado de señores que defenden o réxime franquista", clara referencia á presenza de dirixentes do PSC nas manifestacións unionistas en Barcelona acarón de militantes de Vox ou La Falange.

 

Conferencia en Bruxelas

 

Persoas relevantes do mundo da universidade -especialistas en historia e ciencias políticas-, ben como representantes de colectivos que traballan na restitución da memoria histórica -incluída a Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás- tomarán parte na xornada que organizan BNG e EH Bildu para este 20-N en Bruxelas, un evento en que tomarán parte tamén dirixentes de ERC, Compromís e dos grupos parlamentares Os Verdes/ALE e GUE/NGLE.

 

Ana Miranda aproveitou o encontro coa imprensa para anunciar que o BNG, como xa fixera perante a Comisión Europea, vai apresentar unha denuncia contra a Fundación Franco face a Comisión de Peticións de Eurocámara. "Resulta chocante na UE que exista unha entidade á que se lle permite facer apoloxía da ditadura e mesmo reciba subvencións públicas, como os 50.000 euros outorgados polo goberno de Feijóo para xerir as visitas do Pazo de Meirás", dixo a portavoz do BNG perante a Eurocámara.

 

Por súa parte, o eurodeputado Jon Juaristi enfatizou que a involución no Estado "está a suscitar preocupación e expectación e cada vez son máis os eurodeputados que nos perguntan como pode suceder isto", daí que "queremos que a UE se implique e dea pasos para que se acabe coa impunidade e traballar pola memoria e pola dignidade das vítimas".

 

 



x