"A NACIÓN QUE MÁIS NECESITA O NACIONALISMO É GALIZA"

BNG pede a comparecencia de Feijóo na Deputacion permanente sobre a AP9

BNG pede a comparecencia de Feijóo na Deputacion permanente sobre a AP9
Ana Pontón, nun acto realizado en Vigo sobre a transferencia da AP9
Ana Pontón, nun acto realizado en Vigo sobre a transferencia da AP9  Foto: BNG

Ana Pontón quer que o chefe do executivo galego diga xa "se vai reclamar a transferencia ou se todo foi un paripé, un farol". "Das nacións sen Estado a que máis necesita o nacionalismo é Galiza", afirma a portavoz nacional do Bloque.


Argumentar que por 7 millóns de euros non se debe realizar agora a transferencia da AP9 (esa é cantidade que a Xunta dedica a pagar as peaxes de Rande e A Barcala) cando o Estado destina 4.000 millóns de euros ao resgate das radiais madrileñas é un razoamento "rocambolesco", afirmou Ana Pontón este domingo nunha entrevista en Radio Galicia (SER) [Feijóo dixo estes días que non quería a transferencia mentres o Estado non asumise eses 7 millóns].

 

"Comeza a parecerme todo unha grande tomadura de pelo e un engano (...). O que non pode ser é que vexamos miles de galegas e galegos atrapados na AP9, Audasa a facer caixa e o Goberno [galego] a ollar para outro lado", dixo a líder do BNG, quen avanzou que esta mesma segunda feira a formación nacionalista rexistará no Pazo do Hórreo a petición de comparecencia de Feijóo na Deputación Permanente do Parlamento galego.

 

Pontón enfatiza que a transferencia non se demanda "porque si", senón para "acabar cunhas peaxes que son unha auténtica estafa e cunha xestión que clama ao ceo".

 

Na entrevista, Pontón chamou as galegas e os galegos a se uniren á convocatoria do BNG para o Día da Patria Galega, un acto con componente festivo -"hai que festexar o feito de sermos unha nación con direito a ocupar o seu lugar no mundo- mais tamén cun inequívoco ton reivindicativo fronte ás políticas de "agravio" a Galiza despregadas por Madrid.

 

A chave para a Galiza avanzar como país é apostar no nacionalismo, salientou Pontón. "Cada vez vexo máis clara a necesidade do nacionalismo para que o país poida avanzar e estou certa de que se unha nación sen Estado necesita o nacionalismo, esa é a Galiza", dixo.

 

É o nacionalismo, acrecentou, o factor que está a facer abalar o statu quo estabelecido en 1978. "Catalunya [e o seu proceso de autodeterminación] está a abrir a esperanza para poder cambiar este réxime", concluíu.

 

 



x