SESIÓN DE CONTROL

O BNG pide unión parlamentar para apercibir Villar Mir que as centrais non se venden

O BNG pide unión parlamentar para apercibir Villar Mir que as centrais non se venden
Ana Pontón, durante a súa interpelación a Feijóo
Ana Pontón, durante a súa interpelación a Feijóo  Foto: Natalia Porca

Feijóo responde aos nacionalistas que “non deben incordiar” e afirma que “esa preocupación no existe”. En Marea e PSdeG preguntaron ao presidente sobre a situación da sanidade galega. Feijóo acusou o portavoz de En Marea de “describir o apocalipse”.


Núñez Feijóo, recén estreada a paternidade, non faltou á cita coa sesión de control ao presidente da Xunta no Parlamento. Ferroatlántica e a sanidade galega foron as cuestións sobre as que lle preguntaron as forzas de oposición e ás que tivo que responder o presidente, que por momentos botou man dun ton bronco e raiando o despectivo para cos outros portavoces.

O feito relevante remitido por  Ferroglobe, resultante da fusión de Ferroatlántica coa estadounidense Globe, ás autoridades bursátiles de Londres e Nova Iorque, informando da intención de vender as centrais hidroeléctricas motivou a pregunta do BNG. A portavoz nacional, Ana Pontón, instou Núñez Feijóo e o goberno galego a se pronunciar con claridade sobre se ían ou non autorizar esa “venda ilegal”. Pontón propuxo á Cámara un acordo con dous únicos puntos: unidade de todas as forzas políticas”para lle dicir a Villar Mir que as centrais non se venden” e “exixirlle a Villar Mir que cumpra cos seus compromisos”. Referíase á portavoz aos anuncios hai anos, e ao abeiro da prórroga de concesións, de que ía crear 700 empregos. Hoxe en día, nas factorías da Costa da Morte hai menos de 300.

Feijóo optou por botar balóns fóra nun primeiro momento. Respondeu que a Xunta non tiña “ningunha notificación nin constancia” de que se fosen vender as centrais e criticou Ana Pontón por “facer unha pregunta en base a un anuncio”. O presidente dixo que “hoxe por hoxe” non autorizarían a segregación das centrais e as factorías (o que impediría a venda). De se dar un novo escenario, anunciou, a Xunta actuaría en base a tres eixos: a legalidade, o interese público e o emprego.

A portavoz nacionalista reprochoulle que “non faga nada” perante un tema que preocupa centos de familias na Costa da Morte. Non gostou Feijóo do reproche e na súa quenda de réplica pasou de botar balóns fóra a acusar o BNG de “incordiar” e de xerar unha “preocupación que non existe”.

Sanidade

En Marea puxo sobre a mesa como os recortes en sanidade conculcaban o dereito á saúde dos galegos. Luis Villares cifrou nun 12% a tesoirada no orzamento sanitario desde que goberna Feijóo para alén de denunciar que agora hai 1.700 profesionais menos. “Estase a garantir o dereito á saúde?”, preguntaba o portavoz de En Marea, que enumerou unha serie de exemplos que, dixo, “indican que non”.

Así, lembrou as mulleres que tiveron que ir abortar Madrid, o acontecido coa Hepatite C, os colapsos en Urxencias, os recortes en servizos como pediatría, a suspensión de operacións programadas por falla de material... “Recoñezan que hai algo que non funciona”, instoulle Villares, moi crítico cos efectos deses recortes sanitarios sobre a poboación.

Feijóo iniciou a súa resposta cun “estou orgullosos do servizo galego de saúde” ao que lle engadiu un, en referencia a Villares, “vostede non”, para a seguir acusalo de “vir aquí describir o apocalipse”. Negou recortes en sanidade e dixo que en Galiza investíase máis que en moitas outras comunidades, un argumento que tamén empregou perante a pregunta do PSdeG.

O portavoz socialista denunciou o recorte de medios humanos e materiais na sanidade pública. Afirmou que por volta de sete mil persoas, de todas as categorías, traballan no Sergas en precario: “Non hai datos oficiais mais todo o mundo o sabe: contratos lixo, baixos salarios...” Propuxo Fernández Leiceaga “poñer en marcha un plan de estabilización” do persoal sanitario a catro anos. 



x