O BNG reivindica un pacto de país por unha AP9 galega e libre de peaxes

O BNG reivindica un pacto de país por unha AP9 galega e libre de peaxes
[Imaxe: BNG] Ana Pontón, na peaxe
[Imaxe: BNG] Ana Pontón, na peaxe  

Unha autoestrada de balde e xestionada pola Xunta de Galiza. Este foi o leitmotiv que levou o BNG a pagar en céntimos o custo das viaxes nas principais peaxes da AP9. Nun dos actos participou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen tendeu a man para acadar “un pacto de país” na materia.


Numerosa militancia e persoas simpatizantes do BNG sumáronse na mañá do sábado ao acto simbólico de reivindicación organizado pola formación nacionalista para reclamar unha AP9 galega e libre de peaxes. Desta maneira, foron centos os coches que atravesaron as principais peaxes do país para pagar en céntimos o custo da viaxe. Un deses coches era o conducido pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón,  quen ofreceu “un pacto de país que poña fin ao trato desigual cos galegos e galegas”.

A portavoz nacional do BNG dirixiuse a Feijóo para lle pedir que defenda o acordo unánime do Parlamento

Desta maneira, a tamén portavoz parlamentar do Bloque chamou a acabar co “abuso” dunha peaxes que “son unha estafa legalizada”. Aliás, a nacionalista dirixiuse a Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, para lle pedir que defenda o acordo unánime do Parlamento “ante o intento de división e ruptura desa unidade que quere provocar o PP co seu veto”. “Que vai facer o Sr. Feijóo ante o intento de Rajoy de vetar o debate da lei aprobada por unanimidade reclamando a transferencia?”, preguntou Ana Pontón.

A portavoz nacional do BNG expúxolle a Feijóo que os cartos para o resgate da AP9 poden saír “exactamente do mesmo lugar de onde van o PP e o Goberno central  sacar os cartos para resgatar as autoestradas madrileñas propiedade da banca e das construtoras”.

Pontón referiuse ás peaxes como “unha navallada aos galegos e galegas que cada día pasan pola autoestrada, onde deixan 300.000 euros nas arcas de Audasa”

Presión política e social

Na mesma liña, Ana Pontón advertiu da necesidade de acadar “presión política e social” en aras de conseguir a transferencia da competencia e a gratuidade da AP9. Referiuse ás peaxes como “unha navallada aos galegos e galegas que cada día pasan pola autoestrada, onde deixan 300.000 euros nas arcas de Audasa”. Lembrou que a concesionaria obtén un beneficio superior aos 90.000 euros diarios.

Neste contexto, a portavoz nacional do BNG apostou en manter a unidade política e en promover a mobilización social ante unha demanda que comparte a inmensa maioría da poboación. Sinalou que o Bloque continuará coa campaña social e institucional por unha AP9 galega e libre de peaxes.