O BNG respalda avanzar cara unha candidatura de país sen siglas nas xerais

O BNG respalda avanzar cara unha candidatura de país sen siglas nas xerais
Foto de arquivo do Consello Nacional do BNG
Foto de arquivo do Consello Nacional do BNG  

A decisión contou co apoio “case unánime” do Consello Nacional que realizou este sábado a organización frontista, segundo avanzou aos medios o portavoz Xavier Vence.



O Consello Nacional do BNG avalou este sábado a folla de ruta para concorrer ás eleccións xerais nunha candidatura de país que renuncie as siglas. A organización frontista respaldou de forma “case unánime” crear unha candidatura con personalidade xurídica propia que defenda “os intereses de Galiza como nación”, segundo avanzou aos medios o portavoz nacional, Xavier Vence.

A proposta do Bloque pasa por impulsar unha Candidatura Nacional Galega de Unidade -enunciada xusto con esa nomenclatura- que foi debatida durante estes días no proceso de asembleas abertas. 

Acerca de posíbeis pactos no resto de Deputacións, o Consello Nacional fixou as liñas programáticas para negociar a formación de gobernos. A organización frontista esixirá unha reforma en profundidade dos entes provincias para facelos máis transparentes e democráticos, reducindo o “presidencialismo” actual.

Vence asegurou que o BNG aspira a ter a “visibilización que lle corresponde” nas institucións provinciais. “O BNG ten que ter un papel protagonista nalgunha das tres Deputacións”, manifestou preguntado sobre a posibilidade de presidir a institución na Coruña.

Vence considerou que os pactos de goberno deben ter un compromiso de “velar pola limpeza da xestión feita no pasado e levantar todos aqueles casos de mal uso e eventual corrupción”. Porén, recordou que o BNG aspira á “desaparición” das Deputacións e aposta pola transferencia de competencias.

Pide que o PSOE elixa outro candidato en Lugo

Sobre a decisión de non apoiar o socialista Manuel Martínez para presidir a Deputación de Lugo, Vence pediu ao PSOE que propoña outro candidato que “reúna todos os requisitos” que demanda o BNG e que eran previamente coñecidos”. O portavoz nacional do Bloque apelou á responsabilidade dos socialistas para acadar un acordo en Lugo. “Cremos que non se pode propor un candidato que neste momento ten unha imputación”, sinalou.

Ademais, o portavoz do BNG criticou as negociacións entre PP e PSOE para renovar institucións como o Valedor do Pobo e o Consello de Contas. Un pacto que onte ficou roto. Vence apuntou que foi “un acordo de tapadillo, fóra do Parlamento”, polo que pedirán que sexa levado á Cámara para ser debatido por todos os grupos.



x