PROPÓN ABRIR UNHA PONENCIA NO PAZO DO HÓRREO

O BNG rexista a súa iniciativa parlamentar a prol dun novo "marco político" para Galiza

O BNG rexista a súa iniciativa parlamentar a prol dun novo "marco político" para Galiza
O grupo parlamentar en pleno do BNG foi rexistar a proposta
O grupo parlamentar en pleno do BNG foi rexistar a proposta  

O reparto de poder acordado polas elites en 1978 (Constitución española) e 1981 (Estatuto de Autonomía da Galiza) non serve para o país porque resultou na consolidación do centralismo. Esa análise leva o BNG a advogar por un novo "marco político" para Galiza. Faino a meio dunha proposta concreta, a constitución dunha ponencia no Pazo do Hórreo. O BNG rexistou esta segunda feira unha proposición non de lei para abrir o debate.


Co poder político que o réxime de 1978 atribuíu a Galiza o país carece de instrumentos acaídos para resolver os seus problemas estruturais, argumentou Ana Pontón perante os meios após apresentar no rexisto do Parlamento galego a PNL que, de se aprobar, daría paso á constitución dunha ponencia parlamentar.

 

Entre eses problemas Pontón citou expresamente "a crise demográfica, a despoboación, o incremento das desigualdades, o deterioro do territorio" e a "situación moi preocupante" en que se acharían "a nosa lingua e cultura".

 

Non agachou Ana Pontón que a iniciativa se produce nun contexto moi determinado, o do enroque centralista do PP face o avanzo do soberanismo en Catalunya. Con esa paisaxe como pano de fundo, "Galiza non pode ficar como mera espectadora", afirma a líder nacionalista, quen advoga abertamente por dar "un xiro ao país".

 

A proposta de constitución dunha ponencia no seo do Parlamento galego requere do diálogo co resto de forzas políticas con presenza na Cámara, enfatizou a portavoz nacional da formación frontista, quen subliñou que só se poderá avanzar cara a un novo marco político para o país con "tempo" e "escoitando a sociedade".

 

O ponto de partida, recalcou Pontón, é que "temos unha autonomía moi débil e neste momento dinamitada polo proceso de recentralización no Estado". Só con ambición a debilidade podería virar en fortaleza. No actual marco político, sobrancea a líder nacionalista, "Galiza non existe e as decisións políticas se toman en Madrid para defender os intereses das grandes elites económicas do centro que van contra os intereses de todos os galegos e galegas", recapitulou.

 



x