Caballero asegura que en Galiza só pode haber cambio “se o lidera o PSdeG”

Caballero asegura que en Galiza só pode haber cambio “se o lidera o PSdeG”
PSdeG
PSdeG  

O novo secretario xeral dos socialistas galegos afirma que co XIII Congreso estase a abrir “unha nova etapa” mentres Pedro Sánchez sostén que o Estado español “é plurinacional” e que Catalunya “seguirá a ser España”.


O PSdeG bota o fecho ao seu XIII Congreso Nacional, unha cita na que ratificou a Gonzalo Caballero como novo secretario xeral, tal e como mandataron as primarias de comezos de mes. Quizás porque o lema do cónclave foi “Somos o cambio” esta palabra, cambio, foi omnipresente no discurso de Caballero. O líder dos socialistas asegurou que se estaba “a abrir unha nova etapa” e que “só pode haber cambio en Galiza se o lidera o PSdeG”.

 

Volveu a incidir, como xa fixo na xornada do sábado, en que o socialismo galego conforma un "exército imparábel" que debe "liderar" unha "coalición social de progreso" á que han de sumarse "outras opcións políticas detrás", así como os colectivos sociais que piden "unha alternativa" á dereita. Todo iso, cun proxecto "galego e galeguista".

 

De por parte, Pedro Sánchez, secretario xeral do PSOE, definiu na súa intervención o estado español como “plurinacional” ao tempo que indicaba que o PSOE “cre na diversidade territorial do noso país”. Tamén tivo unha mensaxe para Catalunya, ao afirmar que o 21D “gañará a concordia entre os cataláns” e que “Catalunya seguirá a ser España”.

 

Executiva

 

A nova executiva do PSdeG está composta por un total de 49 persoas, das que 30 ocupan áreas específicas e outras 19 asumen secretarías executivas sen departamento asignado. Após unhas negociacións que se prolongaron durante toda a noite, finalmente o portavoz parlamentario, Fernández Leiceaga, será o presidente.

Na Executiva nacional haberá tres vicesecretarías. A primeira delas, a Política, é para o avogado coruñés Pablo Arangüena; mentres a de Sustentabilidade recae en Marta Freire, de Moaña, e a de Igualdade, en Icía García, de Meaño, do sector do que é Leiceaga a súa cara visible. O deputado lucense José Antonio Quiroga estará á fronte de Organización; Martín Seco, de Arteixo levará Acción Electoral; e Alberto Monedero e Dolores Villarino afrontan a nova secretaría de Militancia e a de Política Institucional, respectivamente.

 

A área de Política Municipal recae en Iván Puentes. Bruno Díaz (Economía), Marina Ortega (Política Social), Paloma Castro (Xustiza), Concepción García (Movementos sociais), Ana Prieto (Estudos e Programas), Rafael Rodríguez Villarino (Formación) e Juan Carlos Francisco Rivera (Dereitos e Liberdades). Diego Taibo (Ordenación Territorial), Noa Díaz (Cultura), Miguel Bautista (Emigración), María José Gerpe (Pesca), Elvira Lama (Comercio), Juan Evaristo Rodríguez (Sanidade), Luis Álvarez (Educación), Iván Castro (Mocidade) e José Jaime González do Río (Medio Rural).



x