ADRIÁN R. BRAVO ANTE O 40 ANIVERSARIO DA UMG

“Cada vez máis xente moza quere dar un paso adiante e tomar a palabra”

“Cada vez máis xente moza quere dar un paso adiante e tomar a palabra”
Adrián R. Bravo
Adrián R. Bravo  

O Centro Social de Fontiñas acolle esta sexta-feira ás 20 horas o acto central polo 40º aniversario da Unión da Mocidade Galega -as mocidades da UPG. Este suporá o broche final á batería de eventos de socialización e divulgación organizados pola UMG, que prepara o seu XVII Congreso para o próximo mes de marzo.


Na reunión participarán a responsábel de organización de Erguer Estudantes da Galiza, Iria Figueroa; o secretario xeral da UPG, Néstor Rego; a voceira do BNG, Ana Pontón, e máis o secretario xeral da UMG, Adrián R. Bravo. Este último falou con Sermos Galiza para facer repaso das catro décadas de historia da organización nacionalista.

 

-Corenta anos despois do nacemento da organización, que análise fai desta longa traxectoria política?

 

Desde a metade dos anos 70, o partido sufriu un significativo aumento da base social e puxo en marcha un novo espazo de traballo co obxectivo de achegar ao sector xuvenil un discurso comunista e patriótico. Tratábase dun espazo propio onde abordar os problemas da mocidade e dar resposta ás súas necesidades e inquedanzas como parte do pobo traballador galego.

 

Se fósemos analizar o contributo da UMG ao longo destes anos podemos dicir que o principal foi a posta estratéxica da existencia do movemento nacionalista xuvenil, de bases anchas e plurais, que actualmente sobardan os límites da propia UMG. Esta parte dunha premisa clara que é elevar o nivel de conciencia social e nacional e sumar máis mocidade ao proxector emancipador que para Galiza representa o nacionalismo galego. Así pois, o contributo da UMG foi fundamental na ampliacion do ámbito xuvenil, entendendo que foron as persoas que fixeron parte da UMG, cinco anos antes da súa creación, quen constituíron Erga (Estudantes Revolucionarios Galegos) e quen despois tamén crearían os Comités Abertos das facultades, CAE e Galiza Nova. Estamos a falar entón de catro décadas de contribución ininterrumpida de organización do conxunto da xuventude galega.

 

-Cal é a situación actual do nacionalismo galego, máis concretamente na militancia xuvenil?

 

-A día de hoxe vense moitas mozas e mozos con inquedanzas e ganas de rebelarse e non ser sumisas a este sistema que nos vén imposto polo capitalismo, pola Unión Europea e polo Estado español. Está habendo, pois, un auxe de mocidade que quere organizarse. Tanto en Galiza Nova como en Erguer Estudantes da Galiza, hai mozas e mozos que están a dar un paso adiante e pasando da indignación á rebeldía.

 

-Nos últimos anos, pois, a mocidade non sufriu unha desmobilización social?

 

-Creo que o sistema ofreceu á clase traballadora unha falsa esperanza cando falabamos do 15-M. Porén, aquí na Galiza o nacionalismo galego -co conxunto de organizacións da Galiza como a CIG, o BNG, Galiza Nova ou as diferentes organizacións estudantís- entendeu que a resposta e solucións aos nosos problemas non ían vir de fóra, senón que só a través da mobilización e o conflito podemos atopar solucións para o pobo galego. Creo, polo tanto, que si está a haber un aumento da mocidade que quere tomar a palabra e dar un paso adiante, é algo que constatamos.

 

-Que problemas afectan máis a mocidade galega de hoxe en día?

 

-Os maiores problemas que a mocidade galega enfrontamos actualmente son as dificultades que presenta o actual sistema educativo para acceder ao ensino superior, amais das dificultades para poder entrar no mercado laboral. As últimas reformas laborais do PP e do PSOE dificultan a incorporación a postos de traballo con salarios dignos. Isto provoca que grande parte da nosa mocidade se vexa forzada a estar no desemprego ou a procurar a emigración como alternativa para obter recursos. Este problema adquire unha dimensión global, porque ao non poder ter un dereito ao emprego, a mocidade tampouco pode chegar a optar a uha vivenda e, por extensión, non pode optar a completar os seus plans de vida como persoas.

 

-Como ve o futuro da organización?

 

-A verdade é que a día de hoxe a UMG goza dunha moi boa saúde, quero dicir. 40 anos despois a UMG segue a ser unha escola de formación teórica pero sobre todo práctica para a militancia que se achega á UPG e eu creo que a umg terá mil primaveras máis.

 

-Que eivas deberá afrontar e reforzar nos seguintes anos?

 

-A UMG ten que centrar os seus esforzos na expansión de Erguer nos centros galegos de ensino medio e ensino superior. Continuar a organizar asembleas locais e seguir achegando á mocidade a xente moza e tamen outro reto é continuar aumentando a formación. Tanto na parte teórica como práctica de todas as persoas que deciden achegarse ao nacionalismo galego.

 

-Por último, como definiría a relación co resto de organizacións xuvenís do nacionalismo galego?

 

-Para traballar por e para Galiza, UMG ten sempre a man tendida. De feito, isto caracterizou o período destes últimos tres anos. Sempre tivemos a man tendida a todas as organizacións, traballando e construíndo a favor da unidade do movemento xuvenil nacionalista no seu conxunto. Un exemplo foi a constitución de Erguer Estudantes da Galiza. Hai un par de anos, o movemento nacionalista estudantil estaba bastante fraccionado e conxuntamente, grazas ao traballo da UMG e doutras organizacións, puxémonos a traballar no que a día de hoxe consideramos a organización de referencia do estudantado galego.

  



x