Cancela continúa a defender o “non” ao “Partido Popular corrupto”

Cancela continúa a defender o “non” ao “Partido Popular corrupto”
Leiceaga e Pilar Cancela
Leiceaga e Pilar Cancela  

“Non estamos a falar de calquera direita, estamos a falar do PP corrupto e, aliás, o señor Mariano Rajoy é o responsábel directo desa situación”, afirmou este domingo a presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela. A tamén deputada no Congreso non ve razóns para viabilizar a investidura do candidato conservador.


A posición política vixente do PSOE en relación á investidura de Rajoy continúa a ser a do Comité Federal anterior a aquel que desencadeou a demisión de Pedro Sánchez, enfatizou Pilar Cancela este domingo nunha entrevista na SER-Galiza. “Se hai persoas que consideran que ese non debe ser o posicionamento, pois haberá que dicelo e haberá que convocar un Comité Federal que, de momento, non está convocado e aí haberá que manifestar cal é a folla de rota, política, para o noso país”, dixo Cancela.

A presidenta da xestora é plenamente consciente de que a actual maioría orgánica do partido no conxunto do Estado, a nucleada arredor das teses de Susana Díaz, é partidaria de viabilizar a investidura de Rajoy a meio dunha abstención de no mínimo 11 parlamentares. Mesmo así en ningún momento citou polo seu nome a ningún dirixente dese sector do seu partido favorábel á facilitar a permanencia do líder conservador na Moncloa.

Cancela razoa que para o PSOE é “moi complexo” asumir “una abstención”, entre outras cousas porque esa decisión deixaría o partido sen apenas marxe de manobra durante o resto da lexislatura

“O que nos estamos xogando é que temos enfrente un PP que neste momento está submetido a un proceso xudicial por corrupción política, é que non estamos falando de calquera direita, estamos a falar do PP corrupto, e, ademais, o señor Mariano Rajoy, que é o que pretende investirse como presidente, é o responsábel directo desa situación”, analisou Cancela na argumentación do seu voto contrario á investidura.

Para o PSOE, razoou, é “moi complexo” asumir “una abstención”, entre outras cousas porque esa decisión deixaría o partido sen apenas marxe de manobra durante o resto da lexislatura. “Cal é o discurso político que nos queda despois? Porque eu supoño que despois de que sexa investido [Mariano Rajoy] virá o tema dos orzamentos xerais do Estado e despois virá outra cousa e eu moito me temo que o que o señor Rajoy fará nun momento determinado é dicer: ‘eu así non podo seguir gobernando, eu non teño estabilidade, vou convocar eleccións”. Nese escenario o PSOE, argüíu, ficaría “sen ningún discurso” para “poder facer fronte á cidadanía e explicarlle que nós somos o Partido Socialista”.

En todo caso, e mantendo “cautela” sendo que “son deputada no Congreso e presidenta da xestora”, Pilar Cancela quixo deixar claro que no Comité Federal se vai aliñar co sector de Pedro Sánchez -co PSC de Iceta, co PSE de Patxi López…- e que, por tanto, manterá o seu voto contrario a Rajoy. Cumpre lembrar que o resto de membros do PSdeG con asento no Comité Federal -10 de 12, Beatriz Sestayo non asistiu á última reunión do órgao- están aliñados con Susana Díaz.

A respeito da demanda formulada polo ex presidente da Xunta, Fernando González Laxe, de que o PSdeG convoque xa congreso sen agardar polo federal, Cancela apelou á “coordinación” dos calendarios e afirmou que defende para Galiza o mesmo que para o Estado: a realización en primeiro termo de primarias para elexer unha nova secretaría xeral e despois o desenvolvimento do congreso.

Sobre a situación interna do PSdeG, manifestou a súa convicción de que non haberá problemas no grupo parlamentar para materializar a decisión adoptada pola comisión xestora de que o candidato á presidencia da Xunta, Xaquín Fernández Leiceaga, asuma a portavocía no Pazo do Hórreo.