Sen candidato alternativo, Xaime Iglesias continuará a ser o alcalde de Baños de Molgas

Sen candidato alternativo, Xaime Iglesias continuará a ser o alcalde de Baños de Molgas
Xaime Iglesias
Xaime Iglesias  

Co remate de prazo para presentar unha moción de censura ao alcalde de Baños de Molgas, déronse por aprobados automaticamente os orzamentos. Asemade, o posto de alcalde tamén seguirá ocupado polo nacionalista Xaime Iglesias, que ostenta o cargo dende os comicios de 2015.


Trinta días pasaron dende que o alcalde da vila ourensá presentse unha moción de confianza vinculada á aprobación dos orzamentos do 2017. A votación, realizada nun pleno extraordinario o 15 de maio non obtivo o suficiente apoio. Por unha banda, só contou co respaldo do seu grupo municipal, tres votos a favor, mais os votos en contra foron un máis, catro, contando cos votos do Partido Popular e do Partido Socialista. Cabe destacar a falta dunha edil socialista nese pleno e que tamén abandonou a agrupación municipal e constituíndo o grupo dos non adscritos.

 

A causa de presentar a moción de confianza foi a non aprobación dos orzamentos presentados polo equipo de goberno nun pleno onde os socialistas presentaron emendas aos mesmos.   Os, até ese momento, dous edís do PSOE formularon emendas que o propio alcalde considerou inviábeis e, polo tanto, non foron sometidas a votación no pleno municipal. Nese momento, os dous concelleiros socialistas abandonaron a sala dos plenos, acompañados logo dos catro compoñentes do grupo do Partido Popular.

 

A equipa de goberno xustificou a apresentación da moción de confianza para “resolver un conflito que leva anos aberto e o pleno bloquea cada iniciativa do grupo parlamentar que actualmente goberna”. Nos últimos días, o único edil que fica no PSOE esixiu a dimisión do alcalde de Baños de Molgas por ter a actividade do casa consistorial “paralizada”. Este e a súa antiga compañeira de formación, Francisca Vences, foran quen apoiaran a investidura do candidato nacionalista no 2015.

 

Aliás, Xaime Iglesias destacou que neste mes non houbo ningún achegamento nin conversacións cos grupos da oposición. Como ben recalcou anteriormente, “non é que esteamos negociando co PSOE, senón que estamos falando con persoas que non se diferencian nada dos edís do PP”.

 

Co prazo rematado, afronta este dous anos que fican até as próximas eleccións con ilusión e con gañas de traballar. “Queremos rematar a aprobación do PXOM, eliminar a contaminación das fosas, xa que estamos sendo sancionados por elas, seguir fomentando o tema do turismo termal e deportivo”, engade. Tamén queren, resaltou o alcalde nacionalista, crear tecido asociativo para o concello ser máis participativo. Para que a toma de decisións se faga de maneira colectiva.



x