VOTARON UN TOTAL DE 164 PERSOAS

A candidatura única encabezada por Antón Sánchez recibe o 82% dos apoios da Asemblea de Anova

A candidatura única encabezada por Antón Sánchez recibe o 82% dos apoios da Asemblea de Anova
(Foto: Anova)
(Foto: Anova)  

Os portavoces saíntes, Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega,  foron os máis votados, con 160 e 158 votos, mentres que Sánchez sumou 156. 


Anova–Irmandade celebrou este sábado a súa III Asemblea Nacional na que a candidatura encabezada por Antón Sánchez recibiu o 82,3% dos apoios. Case 700 persoas tiñan dereito a voto para elixir os 50 nomes que conformarán a nova Coordinadora Nacional, máximo órgano de decisión da formación, das que apenas votaron 164 segundo cifras recollidas por Europa Press. Todo apunta a que Sánchez será designado como portavoz nacional na primeira reunión da dirección prevista para o 1 de abril.

Unha asemblea onde o até hoxe co-portavoz Xosé Manuel Beiras anunciou que o seu papel na formación está “cumprido”  mais que non caerá  nunha “actitude pasiva”. “É o momento de que eu pase a outra forma de combate”, asegurou Beiras, que chamou a nova xeración a asumir “sen mentores” o liderado e rexeitou “tutelar” os próximos líderes de Anova, en declaracións recollidas pola axencia.

As diferenzas internas amosadas entre a dirección actual e o sector crítico non tiveron o seu efecto sobre o resultado das votacións, mais si na baixa participación. A deputada de En Marea no Congreso Alexandra Fernández e o parlamentario galego Davide Rodríguez lamentaron a falta de consenso na única candidatura. “Non se fixeron consultas ás bases, non estamos de acordo con como se construíu e, por iso, temos decidido non integrarnos nela”, manifestou Rodríguez. “Por lealdade entendemos que Anova é imprescindíbel e preferimos apartarnos a un lado aínda que cremos que esa interlocución monolítica non é todo o integradora que queríamos”, manifestou Fernández. 

Antón Sánchez defendeu o sistema de votación de listas “desbloqueadas”, onde cada militante podía escoller o conxunto da candidatura ou persoas concretas. “Aquí presentamos unha candidatura cuns textos detrás”, argumentou o sinalado como novo portavoz de Anova. Os dous portavoces saíntes, Beiras e o alcalde de Compostela, Martiño Noriega, foron os que recibiron máis apoios, con 160 e 158 votos, mentres que Sánchez sumou 156 dos 164 votos emitidos.

Beiras foi o encargado de pechar a III Asemblea Nacional onde valorou o paso do sector crítico a un lado e de que finalmente se presentara unha única lista que permitira resolver a cita “sen a  sensación de que existe un conflito interno”. “Estou convencido de que tedes toda a capacidade necesaria para sacar adiante o papel que lle correspone Anova”, manifestou no seu último discurso como portavoz nacional. 



x