Tres candidaturas disputan a secretaría xeral do PSOE en Lugo

Tres candidaturas disputan a secretaría xeral do PSOE en Lugo
Darío Campos e Manuel Martínez
Darío Campos e Manuel Martínez  Foto: Efe

Xa hai data para as primarias do PSOE lugués. Os máis de 2.000 militantes socialistas están chamados a elixir o vindeiro 3 de decembro un novo secretario xeral que poña fin a interinidade do partido, dirixido por unha xestora após a dimisión hai 2 anos de Xoán Carlos González Santín.


A fenda aberta non ten unha solución doada, dada a ausencia de liderados claros, o cuestionamento dos principais referentes públicos, a necesidade de recolocarse de boa parte dos cadros dirixentes, as feridas abertas durante os anos de Xosé Ramón Gómez Besteiro e unhas expectativas electorais pouco claras. Será un proceso marcado pola división interna, con varios candidatos, condicionado pola derrota e exclusión do besteirismo  dos órganos de dirección galegos e no que está por ver a capacidade dos afíns a Gonzalo Caballero para trasladar a  nova maioría á provincia. 

 

Os resultados do  pasado congreso dos socialistas en Galiza contribuíron para fraccionar aínda máis o partido en Lugo. Primeiramente porque introduciron novos factores de inestabilidade, definiron alianzas até entón impensábeis e levaron á confrontación a practica totalidade das agrupacións locais. Un exemplo disto atopámolo no grupo de goberno da cidade, onde a alcaldesa Lara Méndez, persoa de máxima confianza do besteirismo, ficou soa, após avalaren Gonzalo Caballero Ana Prieto, Daniel Piñeiro, Rosana Rielo e Manuel Núñez e apoialo, non de xeito explícito, Miguel Fernández, Carme Basadre e Ana Abelleira, persoas próximas a Xosé López Orozco. Outro tanto aconteceu co presidente da deputación Darío Campos, máximo referente publico do socialismo na provincia e importante activo no sector que promoveu a candidatura de Villoslada, derrotado na práctica totalidade dos concellos do seu partido xudicial e que viu como moitos dos seus compañeiros en tarefas gobernativas apoiaron Caballero.

 

Darío Campos: “Todos fomos besteiristas e agora todos seremos do novo secretario xeral”

 

Non fica nada do besteirismo na dirección galega do PSOE. O grupo afín ao antigo presidente da deputación e secretario xeral do PSdeG ficou excluído quer da executiva quer do comité nacional e federal, órgaos nos que tradicionalmente adoitaban dar acomodo ás correntes críticas. Un destacado besteirista, en declaracións a Sermos Galiza, non dubida en sinalar que “Caballero pasounos a coitelo, incumprindo mesmo os acordos aos que tiña chegado con Pedro Sánchez, onde se recollía a presenza de Xosé Tomé e Miguel Fidalgo no comité federal”. Así fican foran da dirección os máis relevantes cargos institucionais do PSOE en Lugo como a alcaldesa de Lugo, de Viveiro ou Monforte ou o propio presidente da Deputación, que non tardou en marcar distancias co pasado, afirmando que “todos fomos besteiristas e agora todos seremos do novo secretario xeral”. Mentres, ocupan cadeira na Executiva as persoas enfrontadas ao círculo de Besteiro como a concelleira de Lugo Ana Prieto, a alcaldesa de Sarria Pilar López ou o militante de Paradela Iván Castro.

 

Álvaro Santos, portavoz do PSOE na Deputación de Lugo, é o primeiro aspirante en formalizar a súa candidatura á secretaría xeral. A vontade do concelleiro de Friol por dirixir a organización coñecíase desde facía tempo, tal como sinalamos en Sermos Galiza, contando co apoio decidido das xentes de Besteiro, con Darío Campos á cabeza, se ben nun principio agardábase que suscitaría meirandes consensos. Porén, o resultado do congreso galego mudou de plano a situación, xurdindo dentro do sector do antigo presidente da Deputación, novos nomes que lle poderían disputar o cargo. Neste sentido, deíxase querer o alcalde de Monforte Xosé Tomé, que se ben non anunciou aínda a súa decisión si que confirmou a existencia de militantes animándoo a se apresentar, ou o deputado provincial Pablo Rivera, outra persoa de máxima confianza de Besteiro, que aspira a promover unha suposta candidatura de consenso.

 

As outras familias do partido tamén impulsan as súas alternativas. O sector aglutinado arredor de Susana Díaz e posteriormente a Leiceaga, conformado en Lugo arredor de históricos da organización como Xosé Blanco, Ricardo Varela ou Manolo Martínez, xa fixeron pública a súa vontade de concorrer con candidato propio. Un dos seus voceiros, o polémico  alcalde de Becerreá e vicepresidente da Deputación, sinalaba que o seu obxectivo é “volver ás esencias do socialismo que se prostituíu co besteirismo”, apuntándose como alternativas o alcalde Castroverde Xosé María Arias ou o dirixente de Paradela e membro da executiva galega Iván Castro, persoa moi próxima a Blanco e a Laxe Tuñas. Os próximos a Caballero, que nun primeiro momento pulsaron as potencialidades dunha lista de consenso, traballan para a secretaría xeral cos nomes do alcalde de Pedrafita Xosé Luís Raposo e da concelleira de Lugo e membro da dirección galega Ana Prieto. Non sería estraño, unha vez finalizada a fase de avais e testado o peso real de cada unha, a confluencia destas dúas alternativas para derrotar ao candidato do besteirismo.

 

Manuel Martínez defende “volver ás esencias do socialismo que se prostituíu co besteirismo”

 

Vivimos o fin do besteirismo. Á derrota na propia fase de recollida de avais en Lugo, onde se situou á cabeza Gonzalo Caballero, á exclusión dos órganos de dirección e a constatación de que non haberá segunda oportunidade para Besteiro na vida pública, sumáselle agora o realiñamento dalgúns dos seus fieis, necesitados de marcar distancias co antigo secretario xeral do PSOE en Galiza. “Nunca estivo tan só”, lamentanse algúns dos seus próximos, ao sinalar o abandono de “ moitos alcaldes dos concellos de Lugo, principalmente daquelas localidades máis pequenas que foron as máis mimadas por Besteiro, pero tamén de deputados provinciais e de persoas do seu núcleo de confianza promovidos como asesores de cargos de libre designación na corporación provincial”. Neste sentido, un bon coñecedor do partido en Lugo, apartado da dirección por discrepancias co antigo secretario xeral do PSdeG, considera “a situación como lóxica, xa que Besteiro articulou o seu grupo desde o poder, sen máis consistencia coa ofrecida polo paraugas da Deputación, e polo tanto con ese material non podía sobrevir a perda do poder”. 

 



x