A cara escura da ampliación da AP9 en Rande: xornadas de até 12 horas e baixos salarios

A cara escura da ampliación da AP9 en Rande: xornadas de até 12 horas e baixos salarios

O deputado do BNG, Luís Bará denunciou  a “explotación laboral” nas obras que se están a realizar sobre a Ría de Vigo.


Xornadas prolongadas de  até 12 horas, salarios de 8 euros á hora que inclúen a pagas extras e vacacións e traballos que deben ser realizados a 60 metros de altura sen o pertinente descanso. Estas son algunhas das condicións dos operarios que traballan na ampliación da AP9 na ponte de Rande, segundo vén de denunciar o deputado nacionalista Luis Bará. O parlamentar do BNG engadiu que esta situación provoca “un fraude a Facenda e a Seguridade Social” e o gran número de horas traballadas  polos  actuais traballadores, entre 210 e 300, impiden que se xeren novos postos de traballo.

Bará anunciou que o BNG levará ao Parlamento iniciativas para denunciar estas irregularidades e instou a Xunta a que “tome medidas urxentes”. Para o deputado do BNG, a AP-9  representa “un roubo” para os galegos e agora as obras para ampliar a capacidade da ponte de Rande, a través do convenio asinado por Fomento e a concesionaria Audasa está a provocar unha situación que “conculca os dereitos básicos da clase traballadora”.

Canda Luis Bará compareceron os representantes da Federación da construción da madeira da CIG, Xoán Xosé Melón e  Carlos Méndez, que  incidiron nas mesmas denuncias e lembraron que noutras construcións públicas como a depuradora de Vigo ou o Hospital Álvaro Cunqueiro, “os abusos” aos traballadores fixeron necesario crear unha comisión de seguimento. Sen embargo, explicaron  os representantes da CIG agora  vímonos obrigados a  abandonar a comisión de seguimento das obras da AP-9 ante a imposibilidade de “frear as irregularidades salariais e laborais”  polo que  decidimos iniciar as denuncias noutros foros como o do Parlamento galego.

 



x