Cargos do BNG nos concellos afectados pola AP9 piden a supresión das peaxes e a transferencia a Galiza

Cargos do BNG nos concellos afectados pola AP9 piden a supresión das peaxes e a transferencia a Galiza

Ofensiva institucional da organización nacionalista contra o que cualifican como “agravio a Galiza”. A portavoz nacional, Ana Pontón, lembra que as peaxes subiron 36% desde que Mariano Rajoy está na presidencia e criticou que Feijóo actúe como valedor “dos intereses de Audasa” en vez de como presidente dos galegos.


Pontevedra reuniu esta cuarta feira unha ampla representación de  cargos electos do BNG nos concellos afectados pola AP-9 e cargos institucionais da organización nacionalista para escenificar a ofensiva institucional do Bloque para reclamar a supresión progresiva das peaxes e a transferencia da Autoestrada a Galiza. No acto deron a coñecer un manifesto, no que se resumen as principais reclamacións e demandas. A portavoz nacional Ana Pontón criticou que Núñez Feijóo e o Partido Popular en Galiza actúen como valedores dos “intereses de Audasa e de  Rajoy” como demostraron, dixo,  ao votar en contra da proposta para  reclamar a paralización  da suba das peaxes.

 

Pontón cualificou esta suba  de “agravio a Galiza” e anunciou a presentación de mocións nos concellos e iniciativas parlamentarias para  seguir reclamando “a transferencia” da infraestrutura e a supresión das peaxes”.

 

Pontón lembrou que son moitos os sectores económicos afectados polas peaxes así como os miles de persoas usuarias da AP9, polo que non desbotou outro tipo de protestas e presión social “mancomunada con diferentes ámbitos económicos, sociais, políticos e sindicais”. Lembrou que foi un goberno de Aznar quen decidiu ampliar a concesión até 2048 e vendela por 1.500 millóns de euros: “ Millóns dos que non vimos nin un só euro en Galiza”.

 

Desde que Rajoy é presidente as peaxes na AP-9 subiron un 36%, “catro veces máis que IPC”, denunciou a nacionalista  ao tempo que lle  “rebaixa os impostos a Audasa un 5%”.

 

A preguntas dos xornalistas sobre a visita de Mariano Rajoy a Galiza, o vindeiro sábado, para inaugurar a ampliación da ponte de Rande, a portavoz do BNG cualificou o feito de “tomadura de pelo”. Esa ampliación, insistiu Pontón, non a pagará nin Ana Pastor, nin Rajoy nin Feijóo. “Pagarémola todos e todas as galegas coas peaxes a Audasa e por  respecto a todos os usuarios e usuarias da AP-9, o PP debería cancelar esa inauguración”. 

 

 



x