Causa Galiza convoca unha marcha para o 25X coa independencia como palabra de orde

Causa Galiza convoca unha marcha para o 25X coa independencia como palabra de orde
Conferencia de imprensa de Causa Galiza
Conferencia de imprensa de Causa Galiza  Foto: Causa Galiza

A organización independentista e socialista galega realizou este sábado un acto informativo perante a Igrexa de San Martiño Pinario, lugar simbólico da resistencia galega na revolución de 1846.


CG convocou este sábado aos meios para dar a coñecer a súa campaña cara ao Día da Patria Galega 2017. Actuou como portavoz o membro do seu comité executivo Joám Peres, quen explicou que, após non ter conseguido o apoio de Anova e BNG para unha convocatoria conxunta, a organización independentista e socialista galega resolveu chamar ela soa a unha marcha baixo o lema de "O futuro é noso. Pola independencia nacional".

 

A ideia forza é que o actual marco político -autonómico, decorrente da Constitución española- ten sido nefasto para o país e que non cabe nengunha solución reformista aos problemas da Galiza. É por iso que CG chama directamente á independencia do país.

 

Peres reiterou o apoio de Causa Galiza ao proceso autodeterminista en curso en Catalunya e chamou a emigración galega naquel país a participar activamente no referendo a prol da opción independentista. Aliás, o integrante do Comité Executivo denunciou a continuidade do que alcuñou como "procesos represivos" da Audiencia Nacional (sic) contra o independentismo galego.



x