CARME ADÁN

"O ciclo de goberno de Feijóo foi nefasto"

"O ciclo de goberno de Feijóo foi nefasto"

Este sábado no Venhan Máis Cinco conversamos con Carme Adán, filósofa e ex deputada do BNG.


- Como avalías o estado actual da política galega?

 

-É case unha obviedade afirmar que neste momento de trunfo do neoliberalismo, e do individualismo que conleva, aumentou a pobreza, a precariedade e as desigualdades, ao tempo que se restou soberanía aos estados en xeral e moi especialmente aos pobos. A situación da Galiza neste momento suma a expropiación dos nosos recursos durante décadas á perda de peso político e social no estado. O modelo do autonomismo mostrouse insuficiente para mellorar a vida dos galegos e galegas e todo indica que mentres Euskadi e Catalunya avanzan no seu recoñecemento como nacións a situación galega camiña en sentido contrario. Recuperar a xustiza social implica recuperar o sentido do colectivo como pobo que desde a miña óptica debería ser en clave nacionalista é de esquerdas. 
 
 
-Que evolución agardas da política galega a cinco anos vista?

 

Para Sermos, sería fundamental chegar á mocidade que busca información e entretemento na rede, tamén ampliar os locais que dispoñan do semanario

 

-É difícil ter unha bola de cristal xa que todo dependerá das decisións políticas que se adopten e dos procesos sociais. O ciclo de goberno de Feijóo foi nefasto, vivimos primeiro un desmantelamento dos logros do bipartito, como os referidos a medio rural, vivenda, servizos sociais e igualdade entre outros… logo a perda do sistema financeiro galego, coa situación de vulnerabilidade que isto significa para a nosa industria, e todo atravesado por un abandono da cultura e a lingua galega. No referido á lingua o ataque non tivo tregua, só temos que lembrar o decreto do plurilingüismo ou a desaparición das galescolas. Asistimos, asemade a unha perda de peso político da Galiza no Estado innegábel, aparellada a un proceso de recentralización. Ante isto, agardo que se poida dar un cambio radical de rumbo na política galega que pase por unha maior presenza do nacionalismo non só na política institucional, senón tamén nos diferentes ámbitos da vida social. É importante mudar o afastamento que viven as cidades da nosa cultura e lingua e conectar cunha mocidade cada vez máis interesada pola política en sentido amplo, mais que considera natural que as oportunidades pasan por emigrar.
 


-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

 

-Sermos nace no contexto de sumar esforzos para poder dispor de medios en galego cunha óptica galega. Sen perder de vista este obxectivo, é fundamental chegar a mocidade que busca información e entretemento na rede, tamén ampliar os locais que dispoñan do semanario. O labor de difusión é importante, mais tamén o tratamento dos temas con rigor e profundidade.



x