O Congreso pon en marcha esta terza feira a reforma legal que permitiría realizar as terceiras eleccións o 18D

O Congreso pon en marcha esta terza feira a reforma legal que permitiría realizar as terceiras eleccións o 18D
Papeletas nun colexio eleitoral
Papeletas nun colexio eleitoral  

O PP xoga co plano B no caso de que finalmente o Comité Federal do PSOE non avale a abstención que facilitaría a investidura de Rajoy.


A próxima terza feira, o Congreso submeterá a consideración a proposición de lei de reforma da LOREX (lei orgánica do rexime eleitoral xeral) que permitiría acortar nunha semana a campaña eleitoral e, portanto, convocar unhas hipotéticas terceiras eleccións non o 25 de decembro, senón o día 18.

A reforma reduciría de 54 a 47 días o período que debe decorrer desde a convocatoria até o día das eleccións.

No caso de chegarmos ao 31 de outubro sen se producir a investidura de Rajoy, as Cortes Xerais do Estado ficarían automaticamente disolvidas e se produciría a convocatoria de novos comicios, os terceiros en apenas un ano.

PSOE, Podemos e Cs xa teñen comprometido o seu apoio a esta iniciativa do PP. Unha vez tomada en consideración, o texto submeteríase a un breve prazo de emendas, apenas 48 horas, para voltar ao Pleno do Congreso antes de ser enviado ao Senado.

Trátase dunha reforma ad hoc que ficaría sen efeito se, como é probábel, o PSOE decide absterse na investidura de Rajoy, o que abriría as portas ao desbloqueo político e a un novo mandato da formación conservadora.