Consenso e relevo xeracional, as palabras chave da Asemblea do Bloque

Consenso e relevo xeracional, as palabras chave da Asemblea do Bloque
Un aspecto da XV Asemblea Nacional do BNG
Un aspecto da XV Asemblea Nacional do BNG  

En aberto contraste co que está a acontecer nas outras forzas da oposición na Galiza, o BNG transita placidamente cara ao plenario da súa XVI Asemblea Nacional, axendado para esta fin de semana na Coruña (Palexco).


O BNG vai saldar cunha candidatura de consenso o conclave desta fin de semana. Esta segunda feira, por volta das 19 horas, concluíu o prazo de apresentación de listas sen que se apresentase ningunha alternativa a que liderará Ana Pontón, candidata á reelección como portavoz nacional. O BNG atravesa unha situación inédita na súa recente historia, sen conflitos no horizonte e cunha entente moi maioritaria na base militante sobre os asuntos a debate (continuidade do proxecto frentista como estratexia para a liberación nacional e social combinada coa necesaria posta ao día da organización -novos Estatutos, novo rol para as persoas simpatizantes...). E, alén do máis, cunha lideranza, a de Ana Pontón, indiscutida dentro e con grande potencial extramuros da organización.

En realidade, esta XVI Asemblea Nacional vén completar as tarefas xa apontadas na XV, a realizada en febreiro de 2016, a cita en que Ana Pontón asumiu a portavocía nacional da fronte.

"Comezamos hai un ano un tempo novo e, ao longo destes meses, fixemos unha profunda reflexión sobre os erros e os acertos, sobre que fixemos ben e en que nos equivocamos, rectificamos e soubemos xerar unha corrente de simpatía", avalía Ana Pontón.

Cal é o propósito desta XVI Asemblea Nacional? Segundo a portavoz nacional saínte e aspirante á reelección, o obxectivo do conclave é o relanzamento do BNG "como opción capaz de dar esperanza no futuro e cohesionar unha maioría social de cambio a favor da Galiza".

6 caras novas na Executiva

A palabra chave nesta XVI Asemblea Nacional é relevo xeracional. Simbolízao a entrada de seis caras novas na Executiva -o órgao pasa de 15 a 19 integrantes-, que serán Olalla Rodil, Xavier Campos, Ana Miranda, Luís Bará, Eva Vilaverde e Susana Camba.

A experiencia vana pór persoas con traxectoria na dirección como Xosé Luís Rivas Mini, Goretti Sanmartín, Noa Presas, Néstor Rego, Xosé Manuel Marcote, Carme da Silva, Olaia Ledo, Obdulia Diniz, Montse Prado, Rubén Cela, Bieito Lobeira, José Emílio Vicente e a propia Ana Pontón.

A asemblea prevese masiva, sendo que se inscribiron para participar nela un total de 2.400 persoas (2.100 militantes e 300 simpatizantes).



x