A dirección de En Marea eleva ao Consello da confluencia a "petición de demisión" de Quinteiro

A dirección de En Marea eleva ao Consello da confluencia a "petición de demisión" de Quinteiro
Paula Quinteiro
Paula Quinteiro  Foto: X.M.

A dirección de En Marea agradece a parlamentar ter pedido desculpas esta cuarta feira perante a imprensa, mais considera que a participación de Quinteiro -militante de Podemos, da corrente Anticapitalistas- nun incidente coa policía local de Compostela exixe a depuración de responsabilidades políticas.


A Coordenadora de En Marea, liderada por Luís Villares, enviou aos meios un escueto comunicado por volta das 22.31 horas da cuarta feira 21 de marzo en que informa de que ten acordado trasladar ao Consello das Mareas -máximo órgao da confluencia entre plenarios- a "petición de asunción de responsabilidades políticas da deputada Paula Quinteiro".

 

O órgao de dirección elevará ao Consello das Mareas a "petición de demisión de Quinteiro", por este ser un asunto "que debe trasladarse aos organos de dirección do espazo político". En todo caso, e antes de se reunir o máximo órgao da organización, a parlamentar poderá "exercer o seu dereito á defensa mediante trámite", afirma a Coordenadora. 

 

De acordo coa información publicada nalgúns meios, Paula Quinteiro viuse envolvida nun incidente, na madrugada do sábado ao domingo, entre a policía local de Compostela e un grupo de mozas e mozos que supostamente terían provocado destrozos -a rotura de espellos retrovisores- en algúns vehículos estacionados na rúa. Quinteiro tería amostrado aos axentes o seu cartón de identificación como parlamentar. Segundo o atestado policial, ao que tivo acceso Europa Press, a deputada tentou dificultar a identificación dun dos mozos por parte dos policías. Ela negouno esta terza feira, aducindo que simplesmente tentara mediar entre uns e outros.

 

Martiño Noriega, alcalde de Compostela, esforzouse por restar importancia ao suceso. O rexedor da capital do país afirmou que foi informado por parte dos mandos da policía local dunha "incidencia menor". Noriega cualificou de "correcta" a actuación dos axentes do corpo municipal que acudiron ao lugar dos feitos alertados por unha denuncia veciñal -"non dubido do bon facer da policía local-, mais ao mesmo tempo asegurou acreditar na versión do incidente dada por Paula Quinteiro. "O que ela me comenta é que intermediou nun conflito, detectando que a identificación das persoas que alí había na rúa non era a correcta, e que tivo sempre ánimo conciliador. E esa é a situación".

 

O incidente foi utilizado esta terza feira no Parlamento por Feijóo para atacar Luís Villares durante a quenda de perguntas ao presidente. O líder de En Marea tamén sofreu os embates dialécticos de Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG. Esta cuarta feira, Villares nen contestou os ataques da formación conservadora nen as perguntas que a imprensa lle dirixiu ao termo da reunión que por espazo de dúas horas mantivo o grupo parlamentar de En Marea.

 

Segundo informa La Voz de Galicia, o asunto Quinteiro será abordado polo Consello das Mareas nunha reunión que vai ter lugar esta mesma sexta feira.

 

Noticia actualizada ás 7:31 horas de 22 de marzo.



x