Crise en Podemos Galiza cunha dirección elixida polos críticos e non recoñecida por Santos

Crise en Podemos Galiza cunha dirección elixida polos críticos e non recoñecida por Santos

O sector crítico –18 dos 35 membros do actual CCA– reuniuse este sábado en Compostela para decidir unha nova estrutura executiva. A dirección actual di que esa potestade só lle corresponde á secretaria xeral. 


Crise en Podemos Galiza. A celebración dun Consello Cidadán Autonómico (CCA) convocado polo sector crítico para elixir nova executiva foi rexeitado pola dirección actual, que non acudiu á cita e advertiu de que esa potestade lle corresponde á secretaria xeral, Carmen Santos, segundo o regulamento orgánico. A división interna é máis patente a só unha semana da votación decidida por Santos para conformar o órgano de decisión da formación morada. 

O sector crítico –18 dos 35 membros do actual CCA– reuniuse este sábado en Compostela para decidir esta nova estrutura executiva e, segundo aseguran, “cumprir co mandato” da asemblea estatal coñecida como Vistalegre II. Nun comunicado, a dirección recordou que Santos xa fixo pública a data para celebrar a votación (25 de marzo) e que esta “se axusta en tempo e forma ao establecido”.

O sector crítico elixiu seis novas secretarías das 14 actuais, unha dirección alternativa onde as persoas afíns a Santos manterían oito postos, segundo recolle Europa Press. Nela, Ares Jiménez ocuparía o cargo de secretario de organización, desprazando o deputado de En Marea no Parlamento galego Juan Merlo, que sinalou que o grupo da convocatoria “foi amoestado pola Comisión de Garantías o pasado mes de Decembro exactamente polo mesmo movemento realizado hoxe”.

A dirección considera a reunión “unha irresponsabilidade e deslealdade” e chamou a cesar “o ruído” dos críticos porque este “só favorece ao argumentario dos medios afíns o PP e o propio PP ao trasladar á opinión pública unha imaxe de divisións e permanentes discrepancias”. Porén, a executiva alternativa trasladou os acordos á dirección actual e 48 horas para participar na votación.



x