DAN PASOS PARA SE APRESENTAR ÁS MUNICIPAIS

Críticos de Podemos Galiza acusan Iglesias de perpetrar un "breoganazo" en Catalunya

Críticos de Podemos Galiza acusan Iglesias de perpetrar un "breoganazo" en Catalunya
Carmen Santos, no albo das críticas
Carmen Santos, no albo das críticas  

Podemos 15M, corrente crítica dentro da formación morada na Galiza, ve na defenestración de Albano Dante como líder de Podem unha réplica da caída en desgraza de Breogán Riobóo como secretario xeral galego. Dante abandonou a militancia de Podem nunha manobra coa que se adiantou ao seu seguro cesamento por parte da cúpula estatal.


A inxerencia do aparato estatal de Podemos nos asuntos internos dun territorio, producida no seu momento na Galiza co acoso e derruba de Breogán Riobóo, voltou a se dar estes días co uso de todos os mecanismos ao alcance do staff madrileño da organización morada para provocar a queda de Albano Dante-Fachín, partidario dunha entente eleitoral co bloco soberanista. Así o ve Podemos15M, constituída no seu momento como corrente crítica dentro de Podemos Galiza: "Observamos con estupefacción como o 'Breoganazo' téntase repetir en Catalunya, co engadido dunha nova imposición envolta en papel de agallaso como votación telemática, e cunha finalidade, que Podem vaia incluído dentro de Catalunya en Comú", di o consello de coordenación desta tendencia.

 

Son situacións xémeas. No seu día Pablo Iglesias, a golpe de chío, impuxo á organización galega a confluencia con En Marea. Agora volta a facer o propio en Catalunya, a bloquear toda achega ao bloco soberanista e a limitar a política de alianzas ao acordo cos comúns de Ada Colau. "Tras unha intervencion de facto en Galiza por parte de Madrid, agora en Catalunya repítense ditas actuacións centralistas que atentan gravemente contra a democracia do partido e os inscritos con decisións centralistas contrarias á plurinacionalidade", din desde Podemos15M.

 

Mais este núcleo crítico a quen pon no albo basicamente é a Carmen Santos, secretaria xeral galega, a que cualifican de "delegada estatal" de Podemos na Galiza. "A pinga que colma o vaso son as manifestacións da 'delegada estatal' de Podemos en Galicia, Carmen Santos, que indicou que habería que explorar posíbeis pactos electorais co PSOE, un PSOE que apoiou a aplicacion do artigo 155 en Catalunya e que se manifestou en Barcelona da man do PP, Cs e Vox, a favor da aplicacion de devandito artigo 155", alega.

 

O distanciamento de Podemos 15M Galiza dos órgaos centrais e galegos da organización leva a esta corrente crítica a anunciar a decisión de se constituír como unha forza política coa vista posta nas "futuras eleccións municipais".

 

Significa isto que estamos perante unha escisión? En principio, non, porque a corrente enfatiza que os seus militantes a título individual continúan a seren afiliados da organización. Como colectivo estarían abertos "a estabelecer alianzas co noso partido estatal".



x