PARA SE DISTANCIAREN DA MAREA

Críticos de Podemos na Galiza crean o partido “Podemos 15M”

Críticos de Podemos na Galiza crean o partido “Podemos 15M”
Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos na Galiza
Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos na Galiza  

Movementos crítico de Podemos na Galiza veñen de crear “unha ferramenta a través dun partido instrumental que garanta que Podemos será federal” e que “Podemos teña na Galiza nas próximas citas electorais unha papeleta representando o partido fóra da Marea”.


Podemos 15M son as siglas do partido instrumental que vén de crear Somos Bases, movemento crítico de Podemos na Galiza do que forman parte secretarios municipais con cargo en vigor, outros xa dimitidos, militancia a nivel individual e a corrente Xuntos Podemos. Trátase dunha ferramenta que garanta que “Podemos sexa federal (cando menos na Galiza) e que “Podemos teña na Galiza nas próximas citas electorais unha papeleta representando o partido fóra da Marea”.

Nun comunicado de imprensa, os promotores sinalan que o “suxeito político novo”, en forma de partido instrumental, ten como finalidade contar cun “espazo propio fóra da Marea” que “garanta a execución de políticas de renovación democrática necesarios e acordes co código ético de Podemos”.

Piden total independencia da Marea

Somos Bases reivindica “máis democracia e transparencia” e cortar “de raíz” as accións de “amiguismo” que “tiveron lugar dentro do partido na Galiza”, así como a “total independencia de Podemos da Marea, xerando máis participación dos círculos e das bases”. Cando isto se consiga, recolle a nota de imprensa, “o suxeito político creado non terá obxecto e desaparecerá”.

Os críticos acusan a dirección de Podemos na Galiza de "vulnerar" os dereitos democráticos

Esta corrente crítica carga contra a dirección do partido no país, á que acusa de “vulnerar” os dereitos democráticos. En concreto acusa Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos na Galiza, de non render contas nin a nivel económico, nin de estratexia, nin de actuacións parlamentares. “levan máis de 100 días desde as eleccións galegas sen convocar unha asemblea xeral que estaba comprometida desde antes dos comicios electorais”.

O partido, xa rexistrado de maneira oficial

Os críticos esperarán a que teña lugar a asemblea de Vistalegre para decidir “se botar a andar con Podemos 15M de forma definitiva”. Din que dependerá de que se desenvolva “un proceso de federalización serio, democrático e transparente”. Polo de agora, o partido aparece no rexistro de partidos políticos do Ministerio do Interior, con data de creación do 2 de decembro de 2016. De feito, conta até con logotipo.



x