DEPUTACIÓN DE LUGO

Darío Campos: “Martínez ten inquina co besteirismo e iso creo que é unha enfermidade psicolóxica ou psiquiátrica”

Darío Campos: “Martínez ten inquina co besteirismo e iso creo que é unha enfermidade psicolóxica ou psiquiátrica”
[Imaxe: Cadena Ser] Darío Campos
[Imaxe: Cadena Ser] Darío Campos  

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos (PSdeG), acusa Manuel Martínez (PSdeG), quen até a cuarta feira ocupaba a Vicepresidencia do ente provincial, de ter “inquina co besteirismo”. “Iso é unha enfermidade psicolóxica ou psiquiátrica que hai que curar con tratamento deste tipo, psicolóxico ou psiquiátrico”, engade.


Tratamento psicolóxico ou psiquiátrico é o que lle recomenda o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos (PSdeG), a quen até a pasada cuarta feira ocupaba a Vicepresidencia do ente provincial, Manuel Martínez. Nunha entrevista na Radio Galega, Campos acusou o alcalde de Becerrerá e compañeiro seu de partido de “ter inquina co besteirismo” e “iso é unha enfermidade psicolóxica ou psiquiátrica”.

 

O alcalde da Pontenova dixo crer que Martínez “ten algo gravado aí dentro de si mesmo, de non ter sido presidente hai 12 anos” e cualificou de “manías persecutorias” as críticas do alcalde de Becerreá.

 

Campos revelou na radio pública que se sente “decepcionado” coa actitude de Manuel Martínez logo de reincorporalo ao grupo provincial socialista hai algo máis de un ano. Martínez fora expulsado porque en 2015 rompera a disciplina de voto provocando que a Presidencia da Deputación voltase a mans do PP, mais reincorporouse en 2017, co goberno, de novo, na mans do partido en que milita (o PSdeG iniciou os trámites para expulsalo).

 

“Fun o artífice de darlle esa segunda oportunidade e síntome decepcionado pola actitude que amosou Manolo Martínez durante estes días”, sinalou Campos, quen asegura non arrepentirse “de nada”.

 

Destitución

 

Darío Campos destituíu a pasada cuarta feira Martínez da Vicepresidencia, como membro da Xunta de Goberno e como responsábel da área de xestión territorial, onde asumía Vías e Obras ou o Parque Móbil , despois de que o alcalde de Becerreá se aliñase, máis unha vez, co PP nunha votación sobre Suplusa, a entidade que xestiona as residencias de maiores. Martínez segue a presidir Suplusa, posto que o PP e el propio suman maioría no consello de administración desta empresa pública.

 

O presidente da Deputación limitou a “rumores” as posibilidades de que se constitúa unha lista alternativa ao PSOE para as municipais. A pasada semana, Martínez anunciara que se volvería presentar á Alcaldía de Becerreá e deixara entrever que o faría nunha lista independente, “desde logo que cun partido non, senón cunha lista independente. Eu non estou para me someter xa a directrices e estatutos duns partidos que defenden o seu mais non os intereses dos cidadáns”.

 

O culebrón do PSdeG na Deputación de Lugo

 

A negativa do alcalde de Becerreá a votar como presidente da Deputación outro candidato que non fose el –o BNG negábase a darlle o seu apoio porque pesaba sobre el unha imputación xudicial- puxera en xuño de 2015 o goberno provincial nas mans do PP.

 

Porén, no pleno de outubro de 2015, apoiaba o candidato proposto polo PSdeG, Darío Campos, que tamén era respaldado polo BNG. Votación que permitiu un bipartito na Deputación de Lugo até que en xuño de 2016 o Bloque deixou o Goberno logo de que o PSOE aprobase o orzamento provincial grazas a un acordo, tecido e asinado ás costas dos nacionalistas, coa portavoz do PP, Elena Candia, e Manuel Martínez, que no momento era deputado non adscrito.



x