CRÓNICA/MANOBRAS NA DEPUTACIÓN DE LUGO

Darío, ti tamén, fillo?

Darío, ti tamén, fillo?
Sede da Deputación de Lugo
Sede da Deputación de Lugo  

Darío Campos, presidente da Deputación Provincial de Lugo, é un home parco en palabras. Ás veces dá a impresión de que as súas respostas agochan, quizá sen intención, máis do que aclaran.


Darío Campo nin sequera lle concede importancia ao discurso político. Bástalle con debullar un par de lugares comúns en calquera acto. Foi moi comentada unha intervención súa, nunha convocatoria da Facultade de Veterinaria, ao lembrar os seus estudos nese centro universitario, e en particular, un suspenso que lle doeu especialmente. Nada que non fixera calquera veciño na barra dun bar. Pero este home tan simple na posta en escena sorprende na area política con golpes de efecto que deixan o arume da traizón.

As súas manobras, con inesperados cambios de guión, están sempre unidas á aprobación dos orzamentos, a súa gran obsesión nunha lexislatura marcada por situacións de inestabilidade que tiveron a súa xénese nas loitas internas do seu propio partido, o PSOE. A última faena chegou días antes do debate das contas provinciais, que recibiron o visto e prace esta terza feira.

Campos foi nomeado como candidato á presidencia da institución provincial, por unha decisión adoptada horas antes da investidura polo aparello liderado polo presidente saínte, José Ramón Gómez Besteiro. A contorna de Besteiro apostou nunha tripla xogada de xadrez. Despois da derrota dun dos aspirantes socialistas ao trono de San Marcos, González Santín, o BNG facíalle o traballo aos socialistas negándose a apoiar a candidatura do díscolo alcalde becerrense, Manuel Martínez, por entón imputado e agora absolto. Así quedaría a vía libre para buscar unha terceira opción para a que soaba con forza o nome do besteirista Pablo Rivera. Pero a realidade demostrou que os experimentos en política non deben facerse nin con gasosa, e menos en terreos esvaradíos. O demais é historia, neste caso do esperpento. A apresurada candidatura de Campos, nun intento tardío de frear a Martínez cun nome que poidera aceptar, non saíu adiante. O becerrense, que se votou a si mesmo na primeira votación, abstívose  na segunda votación para darlle o goberno provincial a unha sorprendida Elena Candia (PP). 

Este home tan simple na posta en escena sorprende na area política con golpes de efecto que deixan o arume da traizón

Tras o efémero paso de Candia pola cadeira de San Marcos, chegou a moción de censura. Días antes produciuse a primeira traizón. O PSOE asinou un acordo con Manuel Martínez, refrendado por corenta alcaldes e dirixentes nunha comida en Nadela, pero, recabado o seu voto de apoio, non lle deron nada do prometido. A chegada á presidencia dun Campos atado de pés e mans polo amor interesado entre Elena Candia e Manuel Martínez. Famoso foi o seu encontro furtivo nunha gasolineira do Corgo, lanzado aos medios nunha gravación de teléfono móbil, ou as súas actuacións da man nas votacións plenarias para asegurarlle a maioría á oposición. A situación era paradoxal. Nin gobernaba o Executivo, nin o facía a oposición.  A política no Pazo de San Marcos era unha comedia chusca, un caos que irritaba a algún deputado ata tal estremo que baixou a Deus do ceo a patadas.

Manuel Martínez_Deputación de LugoO bloqueo económico e institucional provocaba a impotencia, cando non o ridículo, no goberniño provincial. Neste escenario chegou a primeira sorpresa. Darío Campos pactou co PP os orzamentos, coa consecuente traizón aos seus aliados no Executivo, os dous deputados dun BNG descolocado desde o principio. A postura dos populares entraba dentro da lóxica, obrigados pola presión dos seus alcaldes de acceder a investimentos. Manuel Martínez, pola súa banda, sacaba tallada co millonario investimento da residencia de Becerreá. 

Hai unhas semanas, Darío Campos sorprendeunos a todos ao xestionar a volta do fillo pródigo. Martínez non se fiaba o máis mínimo, á vista dos precedentes, ata ver asinado o decreto que o nomeaba cini vicepresidente e delegado de Vías e Obras. Dixo que mesmo se falou de cederlle a presidencia, aquela a a que aspiraba como portavoz provincial cando lla deron a Besteiro, e pola que se lanzou para sucedelo contribuíndo á desfeita no PSOE lugués. Así se chegou ao pleno dos orzamentos, no que bastaron os votos da minoría socialista ante a abstención do PP e do BNG, que non quixeron bloquear o plan único, que reparte fondos en obras para concellos de todas as cores e faino, por primeira vez, cuns criterios fixados e non de modo arbitrario, como marcan os usos e costumes desta institución decimonónica.

 O bloqueo económico e institucional provocaba a impotencia, cando non o ridículo, no goberniño provincial

Ese inesperado cambio na escena tivo as bendicións da xestora socialista, segundo comentou Álvaro Santos, ata entón vicepresidente e principal damnificado pola manobra. Unha frase indicativa de que a sombra de Pepe Blanco, sempre na pomada, é alongada. Con Santos quedan tamén relegados no organigrama de goberno, polo menos formalmente, outros besteiristas como Pilar Porto ou Pablo Rivera. Gómez Besteiro, desde o seu retiro, que cada vez colle máis tintes de definitivo, sufriu unha nova puñalada. Darío, ti tamén fillo?, preguntarase o defenestrado líder socialista.

 

Na fotografía que acompaña o texto aparece Manuel Martínez. 

 



x