ELECCIÓNS NO PSDEG

David Regades e Álvaro Santos encabezarán o PSOE en Pontevedra e Lugo

David Regades e Álvaro Santos encabezarán o PSOE en Pontevedra e Lugo
[Imaxe: Depo] David Regades, á esquerda, co alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz
[Imaxe: Depo] David Regades, á esquerda, co alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz  

O concelleiro vigués David Regades, próximo ao alcalde Abel Caballero, será quen lidere o PSOE nos concellos pontevedreses, mentres que Álvaro Santos, portavoz da Deputación de Lugo, será o seu homólogo en Lugo.


Primeiros resultados da última fase de renovación dos órganos internos do PSdeG-PSOE após a elección de Gonzalo Caballero como secretario xeral da formación na Galiza. O edil vigués David Regades farase coa secretaría de Pontevedra, logo de acadar 1.062 votos nas eleccións que tiveron lugar este domingo, 3 de decembro.

 

Regades, afín ao alcalde de Vigo, Abel Caballero –quen mantén diferenzas co secretario xeral do PSdeG-PSOE–, disputaba o cargo co candidato redondelán Eduardo Reguera, que se fixo con 805 apoios nunhas eleccións en que participou só o 66% da militancia. A outra candidatura que aspiraba a ocupar o cargo estaba encabezada polo alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, quen, finalmente, asinou un acordo con Regades para participar dunha lista conxunta. Díaz atópase agora á fronte dunha loita institucional contra o transvase de auga do río Verdugo ao embalse das Eiras, cuxo principal impulsor é, precisamente, Abel Caballero.

 

Regades presentouse ás eleccións con Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, moi crítico co transvase do Verdugo defendido por Abel Caballero

 

Desta maneira, será Regades quen relevará Santos Héctor como secretario provincial do PSOE pontevedrés. Trátase da primeira vitoria colleitada nos últimos meses polo sector capitaneado por Abel Caballero, quen apoiara as candidaturas de Susana Díaz, a nivel estatal, e de Juan Díaz Villoslada, a nivel nacional.

 

A secretaría de Lugo para Álvaro Santos

 

Por outra banda, Álvaro Santos, que partía como favorito polos apoios cos que contaba, ocupará a secretaría provincial de Lugo, logo de obter 747 votos, fronte aos 373 recollidos polo alcalde de Castroverde, José María Arias, e fronte aos 295 acadados pola tenente de alcalde de Burela, Patricia Otero.

 

Participou nos comicios dos concellos lucenses o 72% da militancia. Considerado “besteirista”, Santos porá fin a dous anos de interinidade baixo a dirección dun órgano xestor.



x