O GRUPO DO PARLAMENTO GALEGO SI O VAI FACER

A dirección de En Marea pide ás e aos deputados do Congreso que rendan contas ao plenario

A dirección de En Marea pide ás e aos deputados do Congreso que rendan contas ao plenario
Ana Seijas, viceportavoz de En Marea, e Gonzalo Rodríguez, integrante da Coordenadora
Ana Seijas, viceportavoz de En Marea, e Gonzalo Rodríguez, integrante da Coordenadora  

Catro dos cinco parlamentares de En Marea no Congreso dos Deputados resístense a render contas perante o plenario da confluencia axendado para este sábado. Só Alexandra Fernández estaría disposta a facelo. A rendición de contas das e dos deputados fai parte do roteiro do conclave deste 15X. Está na orde do día. A dirección de En Marea pediu esta quinta feira a Yolanda Díaz, Ángela Rodríguez, Antón Gómez Reino e Miguel Anxo Fernán Vello que rectifiquen e fagan rendición de contas. As e os parlamentares rebeldes alegan que xa o fan perante a sociedade.


Non é un asunto menor o que se ventila arredor da rendición de contas da representación de En Marea no Congreso dos Deputados. A súa actuación no Parlamento estatal non esperta especial entusiasmo na dirección da confluencia galega, a xuízo da cal o grupo de parlamentares en Madrid está a ser excesivamente debedor das estratexias de Podemos. Próximos a Villlares alegan que a diferenza do que si conseguiu Compromís En Marea non está a ser quen de imprimir un perfil propio ao seu labor na cámara.

 

En todo caso, na orde do día do conclave aparece quer a rendición de contas das cinco deputadas e deputados de Madrid quer a do grupo parlamentar do Pazo do Hórreo -os 14 escanos que comanda Luís Villares- . Sería ás 11.15 e ás 11.55 horas, respectivamente. Esta cuarta feira, o propio Villares, en declaracións á imprensa, desestimaba o argumento empregado polas e polos congresistas díscolos -o de que non foron avisados con suficiente antelación de que debían facer rendición de contas- porque dispuxeron exactamente do mesmo tempo do que os seus colegas do Parlamento galego.

 

Esta quinta feira, a dirección de En Marea emprazou Díaz, Rodríguez, Gómez-Reino e Fernán Vello a que reconsideren a súa decisión e a que finalmente comparezan perante o plenario para daren conta da súa xestión no Congreso. "Nós agardamos que reconsideren esa posición porque do contrario estarían incumprindo o regulamento fundacional de En Marea", dixo Gonzalo Rodríguez, membro da coordenadora (Executiva) da confluencia.

 

Rodríguez compareceu en conferencia de imprensa coa viceportavoz de Acción Política de En Marea, Ana Seijas, quen demandou ás e aos parlamentares do Congreso que si algunha ou algún deles non poden estar presentes na cita do sábado cando menos a maioría si que acuda.

 

2.328 persoas con direito a participar

 

Rodríguez e Seijas informaron de que o número de persoas inscritas para tomaren parte no plenario está no arredor das 2.400 (en concreto, e segundo a web da confluencia, 2.328), ao tempo que salientaron que a maioría das emendas formuladas ao relatorio oficial terían sido aceitadas pola dirección.

 

A emenda das e dos críticos que, aliás, non pasou a peneira da cúpula da confluencia é a que postula, mais unha vez, o estabelecimento dunha portavocía colexiada e rotatoria (dúas mulleres e un home), a renovar cada seis meses, unha voceiría con funcións máis de representación que de dirección política.

 

Seijas restou dramatismo a que a emenda -que na práctica suporía o desprazamento de Luís Villares da lideranza- se vaia submeter finalmente ao debate do plenario e argüíu a ese respeito que quer a nível orgánico quer institucional (Parlamento) xa existen dúas viceportavocías, o que -opinou Rodríguez, xa é máis que en calquera grupo que el "coñeza".

 



x