A dirección de En Marea promoverá unha lista única nas primarias

A dirección de En Marea promoverá unha lista única nas primarias
Plenario de En Marea
Plenario de En Marea  

A Coordenadora de En Marea quer unha soa lista, de consenso, nas primarias da organización, que decorrerán este mes de xaneiro. As candidaturas serán listas fechadas, non abertas. E non se elixirá ningún cargo unipersoal. Neste momento hai 1.323 persoas inscritas para tomar parte no proceso.


A dirección de En Marea enviou esta cuarta feira un comunicado á imprensa en que manifesta a súa vontade de "impulsar unha candidatura única nas vindeiras eleccións ao Consello das Mareas". Trataríase de promover unha lista "de consenso participada por todo o espazo da confluencia" e que se constituiría a partir da "escoita activa e sintetizando as distintas achegas políticas e persoais".

A Coordenadora dirixiu xa unha misiva ás persoas inscritas para participar neste proceso -neste momento son 1.323- para as informar de que a vindeira terza feira 10 de xaneiro se abrirá o prazo de apresentación de candidaturas ao Consello das Mareas. Este é o único órgao que se votará nas primarias. Será el, unha vez constituído, o que decida se a organización se dota ou non de cargos unipersoais. Así o decidiu o Plenario de En Marea realizado o pasado 17 de decembro.

Todo indica que a persoa que liderará a candidatura de consenso promovida desde o aparato da organización será Luís Villares. O que está en cuestión é se finalmente o voceiro parlamentar será a única cabeza da dirección. Non parece probábel. A xulgar polas declaracións realizadas por pesos pesados da confluencia como Martiño Noriega ou Xulio Ferreiro,o presumíbel é que se opte por un modelo no mínimo de bicefalia. As fontes consultadas por Sermos indican que Villares continúa a despertar pouco entusiasmo na maior parte da organización.

A Coordenadora demanda tamén ás persoas inscritas que contribúan a construír a candidatura de consenso "tanto a nível programático como no que se refire ás persoas que integrarán o Consello das Mareas". Cumpre lembrar que o Plenario do 17D aprobou que as listas que se apresenten deberán acompañar a súa candidatura dun documento político.

O calendario das primarias é como segue:

10X. 10 horas. Apertura do prazo de apresentación de candidaturas e para solicitar o voto telemático non presencial.

13X. 23.59 h. Fechamento do prazo de apresentación das candidaturas.

14X. Proclamación provisoria das candidaturas e fechamento do prazo para se inscribir no censo.

16X. Resolución de reclamacións por pargte do comité eleitoral e proclamación definitiva de candidaturas.

17X. 00.00 horas. Inicio da campaña eleitoral.

20X. 23.59 horas. Remate da campaña eleitoral.

21X. 9 horas. Inicio do período de votación nas primarias.

22X. 23.59 horas. REmate do período de votacións.

23X. Proclamación provisoria de resultados e apertura dun prazo de 48 horas para reclamacións.

25X. Proclamación definitiva de resultados e das persoas integrantes no Consello das Mareas.

As candidaturas serán fechadas e deberán estar constituídas por 35 persoas. O sistema de voto será proporcional: a asignación de postos no Consello da Marea gardará relación directa ao número de votos obtido por cada candidatura.

Unha vez eleito, será o Consello das Mareas o que elixa a Coordinadora Nacional -a nova dirección, constituída por 11 persoas- e a que decida a criación ou non "dos cargos que considere necesarios", segundo os acordos adoptados no plenario do día 17 de decembro.