ANTOM ARIAS CURTO

“Con erros e acertos, sempre me guiou o amor pola liberdade do meu pobo”

“Con erros e acertos, sempre me guiou o amor pola liberdade do meu pobo”
Arias Curto
Arias Curto  

O pasado mes de maio a Casa das Campás de Pontevedra acollía a presentación do documentario A palavra dun patriota, no que se repasaba a traxectoria de Antom Arias Curto, con décadas de militancia independentista ás costas.


O documentario A palavra dun patriota xa foi proxectado en diferentes cidades e vilas do país, seguido de coloquios e debates nas máis das veces, coa participación de voces de diferentes xeracións de independentistas. Falamos co seu protagonista, Antom Arias Curto (Monforte, 1944). Un dos fundadores do partido Comunista de Galicia (París, 1969), evoluíu cara ao independentismo a comezos dos 70, compromiso que mantén firme até hoxe. Cumpriu condenas en prisión tanto no franquismo [condenado polo TOP] como na monarquía constitucional [por pertenza a organización armada] e actualmente é unha das persoas encausadas na Operación Jaro, impulsada pola Audiencia Nacional.

 

-En Maio presentábase en Pontevedra un documentario sobre ti, A palavra dum patriota. Satisfeito co resultado?

 

-Estou moi satisfeito porque, para alén do aspecto biográfico, este traballo contribúe para deitar luz -xunto a outras investigacións presentes e futuras- sobre o tempo histórico que vai da resistencia á Ditadura no tardofranquismo até o presente neofranquista co independentismo como fío condutor. O autor da reportaxe é Augusto Fontám. Neste momento, estamos a facer presentacións en vilas e cidades, recibindo unha boa acollida. Coñezo o autor desde hai moitos anos e agradezo moito este traballo.

           

-Que é o que falla, onde non acerta o independentismo para non ser quen de chegar ao conxunto da sociedade galega?

 

-O independentismo conta neste país co mérito incontestábel de manter posicións de conflito político e de ruptura co Estado español durante décadas baixo desfavorábeis correlacións de forzas, encanto outros sectores nacionais derivaban para posicións autonomistas e reformistas. Desde a miña óptica, esta resistencia, cos seus acertos e cos seus erros, é corresponsábel de certa “normalización” social da posición independentista, da súa actual hexemonía nas novas xeracións de nacionalistas e da pervivencia da vontade de artellar un proxecto político e unha estratexia que superen as hexemónicas. Convén sermos autocríticos, mais tamén recoñecer os logros desta traxectoria.

 

Esta firmeza estratéxica, que se materializou en distintos proxectos e organizacións desde a Ditadura até a actual crise do Estado das Autonomías, pagouse cara e supuxo o plus de represión que chega até hoxe e explica, en parte, a minorización. Alén disto, está a propia configuración sociopolítica do país, cunha fraca conciencia nacional, a crise demográfica, a precariedade laboral xeneralizada, o consumismo, etc., que dificultan o asentamento e expansión do noso proxecto e atrancan o itinerario independentista. Por último, existen erros e incapacidades propias, endóxenas, que é preciso superar, mais avanzamos, seguimos e venceremos.

 

“Sinto orgullo cando miro para atrás. Con decisións acertadas e erróneas, podo asegurar que neste itinerario sempre me guiou o amor pola liberdade do meu pobo”

 

-Non é algo habitual que, ao remate dunha manifestación independentista no Día da Patria, un militante suba ao escenario para ler un comunicado, como ficheches ti este ano. Por que ese paso?

 

-Non o é, mais as situacións excepcionais requiren tamén procedementos extraordinarios. Ao rematar a manifestación, leuse o comunicado oficial de Causa Galiza e logo lin a miña carta aberta á militancia independentista. Esta pivotou sobre tres ideas: a necesidade de articular unha estratexia político-social independentista con Causa Galiza como punto de saída; a urxencia de concretar a repatriación e a excarceración progresiva dos independentistas presos e presas a través do cumprimento da legalidade penitenciaria e a aplicación do artigo 479.4 bis do Código Penal, que permite a redución substancial das condenas impostas e, por último, o convite á reflexión política e estratéxica dos independentistas que neste momento se encontran fuxidos ou exiliadas como consecuencia de decisións militantes adoptadas no pasado e a clarificación das condicións existentes no suposto de se presentaren voluntariamente por decisión propia.

 

-No comunicado convidas a “revisar a pertinencia” de estratexias e métodos de loita “elixidos no pasado” por un sector do independentismo. Un convite que vindo dunha persoa coma ti, que acumula anos de prisión, ten unha importancia especial. Por que este chamado?

 

-O avance cara á independencia non ten un único camiño, nin conta cun único método de loita. Pódese ascender ao curuto dunha montaña por rotas diversas. Cando o ascenso por unha ladeira se torna impracticábel, é conveniente retornar ao campamento base e revisar a estratexia de ascenso. Isto, que é un tanto metafórico, resulta perfectamente comprensíbel. Urxe afortalar unha conciencia nacional galega sen complexos e liberada dos subxetivismos que introduciu nela o colonialismo para perpetuar o seu dominio. Cando falo de “revisar a pertinencia”, non é exclusivamente respecto á loita armada: falo de analisar, estudar e pragmatizar as vías para fortalecer o músculo independentista na sociedade e dotar este pobo dunha perspectiva realista de superación da dependencia. A revisión proposta é moito mais ampla.

 

“A loita de todos estes anos é historicamente corresponsábel da actual hexemonía independentista nas novas xeracións de nacionalistas”

 

-É un chamado a se organizar para loitar e actuar dentro dos propios límites da legalidade, non é?

 

-No Estado español é inviábel culminar un proceso independentista no marco da legalidade. O caso catalán confírmao: o exercicio do dereito de autodeterminación é ilegal e o Estado emprega toda a súa artillaría política, institucional, económica, mediática, policial e xudicial para abortalo. A independencia é un conflito entre lexitimidades que implica a ruptura e superación da legalidade española. Esta é a perspectiva do noso conflito, mais para desenvolvela necesitamos afortalar a conciencia nacional, acumular, organizar e empoderar forzas, construír a hexemonía na sociedade e dotar á conflitividade social dispersa que existe no país dunha perspectiva independentista. Estas son as reflexións e apostas absolutamente legais nas que andamos e que, “curiosamente”, provocaron a nosa detención e o actual procesamento político na Audiencia Nacional.

 

-Es un dos 9 independentistas encausados na ‘Operación Jaro’. Como está na actualidade o proceso? Que obxectivos cres que persegue a 'Operación Jaro'?

 

-Nove persoas estamos sendo “investigadas” supostamente desde outubro de 2015 por delitos de “integración en banda armada” e “enaltecemento do terrorismo” debido á nosa militancia en Causa Galiza, que ao final recuperou a condición de organización política legal. Se finalmente chegamos a xuízo con estas acusacións, estaríamos a enfrentar condenas de 7 a 17 anos de prisión. Alén disto, en xuño, cando remataba o prazo da suposta investigación, a Audiencia Nacional decidiu prorrogala ata decembro de 2018, co que alongan artificialmente a incertidume até tres anos. Coincidindo con iso, en xuño, iníciase a Operación Jaro II, que afecta tres militantes de Ceivar acusados de “enaltecemento do terrorismo” e dá continuidade ao circo represivo iniciado en 2015.

 

Os obxectivos desta montaxe son evidentes: trátase de erosionar e dobregar o compromiso militante dos procesados e procesadas, criminalizar o independentismo organizado por volta de Causa Galiza e encerralo no círculo vicioso da represión, de xeito que a actuación se limite a cubrirse dos golpes e fique reducido a posicións residuais. Todo isto sucede sobre persoas que teñen traballos precarios, hipotecas, fillos, familiares ao seu cargo, etc.

 

“O obxectivo da Operación Jaro é encerrar o independentismo no círculo vicioso da represión, de xeito que a súa actuación se limite a cubrirse dos golpes e fique reducido a posicións residuais”

 

-Estiveches recentemente en Catalunya para falar da ‘Operación Jaro’ –sendo recibido no Parlamento catalán- . Como viches o ambiente? Que leccións de proveito se poden tirar para Galiza do que acontece alí nestes anos?

 

-Fomos recibidos no Parlament de Cataluña por deputados da CUP e ERC. A visita encadrábase na “internacionalización” da denuncia da Operación Jaro, dando a coñecer os seus obxectivos políticos, a nosa situación procesal, as iniciativas de contestación e, sobre todo, recabar apoios. Alén disto, organizamos varias palestras e fumos entrevistados na imprensa catalá. É surpresivo comprobar a normalidade mediática e política coa que se tratou o caso nos Països Catalans frente ao que aínda sucede aquí. Palpamos a realidade social e política dun pobo decidido a dar pasos cara a súa independencia e a súa propia legalidade. Este avance e a agudización da crise do réxime posfranquista terán repercusións positivas para os demais pobos do Estado español que loitan pola súa independencia. De feito, o proceso catalán desmonta as posicións que hoxe en Galiza postulan a “mellora” do marco autonómico e evidencia que a única opción para concretar a soberanía nacional é a independencia nacional.

 

“No Estado español é inviábel culminar un proceso independentista no marco da legalidade”

 

-En 1970 foche detido e posto a disposición do Tribunal de Orden Público (TOP) franquista por mor da túa actividade política. En 2015, detido e levado perante a Audiencia Nacional pola túa militancia en Causa Galiza. Pasaron 45 anos entre un e outro feito. Se pousas a mirada sobre todos estes anos, que ves?

 

-Sinto orgullo cando miro para atrás. Desde que en 1970 fun condenado a dous anos de prisión polo TOP por "asociación ilegal" por militar no PCE desde 1962 e participar na fundación do PCG en 1968, ata que en 2015 fun detido con oito compañeiros e compañeiras por orde da Audiencia Nacional, foron 55 anos nos que coñecin a represión franquista, a clandestinidade, a tortura e a prisión, abracei o independentismo e contemplei a transformación da Ditadura apoiada polo nazismo e o fascismo na actual seudodemocracia monárquica española. Vexo que neste período se intentaron liquidar as bases materiais e subxetivas da nación galega e represar o proceso de descolonización e independencia, mais a realidade é que este proceso continúa.

 

Nunha traxectoria de 55 anos como esta encontras mesturadas decisións acertadas e erróneas, mais o que podo asegurar é que neste itinerario sempre me guiou o amor pola liberdade do meu pobo. Hoxe, estando coxo e manco, cunha discapacidade física do 73% derivada da tortura e das neglixencias sanitarias, sigo a militar e loitar pola independencia nacional e o socialismo, con mais experiencia, mais coa mesma ilusión de sempre.

 



x