O Estado abre a porta á activación do artigo 155

O Estado abre a porta á activación do artigo 155
Imaxe do consello de ministros extraordinario que decorreu esta cuarta feira. Imaxe: La Moncloa
Imaxe do consello de ministros extraordinario que decorreu esta cuarta feira. Imaxe: La Moncloa  

O goberno envía un requerimento a Carles Puigdemont para que aclare se declarou ou non a independencia. Ese paso, o requerimento, é obrigado para a aplicación do 155 da Constitución española.


O goberno español enviará un requerimento ao presidente da Generalitat, Carles Puigdemont, para que aclare se na sesión desta quinta feira no Parlament de Catalunya declarou ou non a independencia. O requerimento é un mecanismo obrigado para activar o artigo 155 da Constitución española mais non necesariamente implica dar este paso.

 

Após o Consello de Ministros extraordinario da mañá desta cuarta feira, Mariano Rajoy compareceu ante a imprensa para anunciar o envío deste requerimento e evitar a “confusión xerada”. O propio presidente do goberno admitiu na comparecencia que o requerimento é o paso previo para activar o artigo 155 da Constitución.

 

Así pois, a carta de Puigdemont de deixar en suspenso a declaración de indepencia para abrir unha negociación ou diálogo bate coa ameaza pairando da aplicación do 155. Non hai ninguén en Madrid para recoller a luva de Barcelona. Un artigo, o 155, que está xa sobre a mesa do goberno español, tal e como lle demandaban desde hai semanas diferentes sectores políticos e sociais. Rajoy aposta por situar na resposta do president a responsabilidade de que se active o 155.

 

Que di o 155?

 

O artigo 155 ten unha redacción sinxela mais a aplicación xa non o é tanto. Inspirado no artigo 37 da Lei Fundamental de Bonn (constitución alemá) nunca, nestes 40 anos, se barallou a posibilidade de aplicar esta medida de carácter excepcional polo que nunca se desenvolveu nunha lei. A medida implica que o Estado toma o control político da comunidade. O texto prevé que o goberno español poida adoptar as “medidas necesarias” para “obrigar” a unha comunidade autónoma ao “cumprimento forzoso” das súas “obrigas” constitucionais ou derivadas doutras leis. Os supostos nos que se pode aplicar, que a comunidade incumprise a Constitución ou atentase gravemente contra o interse xeral.

 

O artigo establece o procedemento. Primeiro, o goberno español debe enviar un requerimento ao presidente desa comunidade, neste caso, Catalunya. É o que aprobou facer o Consello de Ministros extraordinario desta cuarta feira. De facer este, Puigdemont, caso omiso, o executivo español debería presentar a súa proposta de medidas ao Senado, que é a Cámara á que lle corresponde aprobalas por maioría absoluta.

 

O artigo 189 da Cámara alta regula o procedemento en relación ao 155 da constitución. O goberno debe de presentar unha proposición clara de cada unha das medidas concretas que pensa adoptar e cabe posibilidade de emendas.

 

O 155 permite ao goberno español tomar o control de todo nesa autonomía? Ao non especificar ningunha medida, o 155 dá moita marxe ao executivo central, sempre que teña apoio do Senado. Pode desde destituír cargos, disolver o parlament ou tomar o control das finanzas da Generalitat, entre outras. 



x